Caldas, Portas, Poio e Vilanova recibirán fondos europeos para renovar caldeiras e alumeado público
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acaba de recibir máis de medio millón de euros de dúas subvencións do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) que, con cargo a fondos europeos, lle permitirá poñer en marcha proxectos sostibles e de eficiencia enerxética na provincia.
Segundo informou a Deputación a través dun comunicado, estes fondos europeos destinaranse, por un lado, a substitución de caldeiras de combustible non renovable por caldeiras de biomasa e, por outro, á renovación do alumeado público exterior para colocar luminarias LED que favorezan o aforro enerxético en Bens de Interese Cultural (BIC).
Os proxectos de substitución de caldeiras beneficiarán a cinco concellos, entre os que están Portas e Caldas de Reis. No caso de Portas, con 53.466,36 euros financiarase unha actuación na Azucreira –gardería e centro de día– na que se substituirá unha caldeira de gasóleo e unha instalación eléctrica por unha caldeira de biomasa. En Caldas de Reis, esta actuación levarase a cabo na piscina municipal cunha subvención de 105.655,2 euros.
En canto á renovación do alumeado, o proxecto beneficiará a sete concellos e actuará en 370 puntos de luz existentes para substituílos por luminarias LED que suporán un aforro enerxético medio do 81,14%, entre eles, varios das comarcas de Pontevedra, Umia e O Salnés.
Caldas de Reis recibirá 19.460,11 euros e actuará sobre 52 luminarias e conseguirá un aforro do 82%. Meis, con 2.038,11 euros, actuará sobre 3 luminarias e conseguirá un aforro enerxético do 89%. Poio, que substituirá 105 luminarias, logrará un aforro dun 69% con 40.002,89 euros. Vilanova de Arousa, que recibirá 1.641,5 euros, terá un aforro do 87% coa substitución de 5 luminarias.
A contía total ascende a 416.213,97 euros que van destinados ao primeiro proxecto e outros 129.894,2 euros para o segundo.