As baixas na Policía Local de Pontevedra alcanzan xa a trintena
Por Redacción
Segue o goteo de baixas na Policía Local de Pontevedra. Seis novos axentes presentaron un permiso médico para non acudir ao seu posto de traballo. Así o confirmaron este xoves desde o Concello de Pontevedra.
Con estas novas baixas, son xa trinta os membros do persoal deste corpo municipal de seguridade que rexistraron un parte médico nas últimas semanas. Trátase xa de case un terzo dos traballadores, o que comezou a complicar a organización do servizo.
Desde o pasado día 12 de abril, foron trece os traballadores que solicitaron a baixa.
O Concello, que xa puxera o caso en mans das autoridades sanitarias para que comproben esta circunstancia, remitiu un segundo escrito á inspección médica ante unha avalancha de baixas que consideran "sospeitosa".
A propia subdelegada do Goberno, Maica Larriba, recoñeceu este venres que o "problema" polo que atravesa a Policía Local e a súa coincidencia cos mundiais de tríatlon que organiza Pontevedra obrigou a reforzar o dispositivo de Policía Nacional e Garda Civil para que a xornada electoral do domingo transcorra con normalidade.
Relacionadas:
-
Da Silva, concelleira de Seguridade Cidadá, lembra aos policías de baixa que traballan para a cidadanía
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Recta final para o 28A: o operativo de seguridade, condicionado polas baixas da Policía Local e o ITU
Por Natalia Puga |
-
Vinte e catro policías locais, de baixa días antes dos mundiais de tríatlon
Por Redacción |