Alerta laranxa na madrugada deste xoves en todo o litoral galego ante a presenza dun temporal
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta de Galicia activou a alerta laranxa na costa ante a presenza dun temporal que comezará a afectar na madrugada deste xoves a todo o litoral de Galicia.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) alerta de que as ondas alcanzarán alturas de 5 a 6 metros. Segundo a Xunta de Galicia, o momento de máis intensidade vai rexistrarse ao redor do mediodía deste xoves 25 no litoral das provincias de Pontevedra e da Coruña. A medida que avance a xornada, vai ampliarse á costa luguesa.
Desde Emerxencias, a través do Centro de Atención 112 Galicia, informábase aos concellos, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, ademais dos clubs náuticos e outros colectivos coa intención de que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens materiais e das persoas.
Aconsellan a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
A Xunta recomenda evitar aproximarse a diques ou rompentes e evitar así un golpe de mar que poida afectar ás persoas e obxectos. Ademais alertan sobre a necesidade de vixiar posibles desprendementos desde balcóns e fiestras. Solicítase tamén manterse lonxe da costa, de praias, paseos marítimos, peiraos e zonas que poidan verse afectadas por varridas do mar.
Ante calquera dúbida, pódese consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolócia e con ligazóns para casos de emerxencias.