Marea Pontevedra critica duramente a xestión do Concello na organización do ITU Multisport
Por Redacción
Celia Abal, integrante da candidatura de Marea Pontevedra ás próximas eleccións municipais do 26 de maio, amosouse este mércores moi crítica coa xestión que o Concello está realizando co gallo da organización dos mundiais de tríatlon, o ITU Multisport Festival.
Abal, praceira no mercado de abastos municipal, asegura que o ITU Multisport é un motivo de preocupación para moitos sectores da cidadanía pontevedresa, en especial, para as praceiras, pois, segundo a súa opinión, as restricións asociadas ao evento deportivo dificultan o acceso da súa clientela habitual ao mercado.
A praceira ve positivo que a cidade acolla eventos tan importantes, pero considera a organización ten que estar á altura e "non pode esquecerse das persoas que vivimos e traballamos todos os días en Pontevedra". No seu caso, por exemplo, sufriu un atraso de máis de 15 días na información de como ía afectar á praza o evento.
Segundo asegura Marea, "o cabreo é xeral" entre as vendedoras do produto fresco de Pontevedra. Consideran que a situación "podería terse evitado" e que dificultará e "afectará negativamente" ao comercio local.
Celia Abal indica que o goberno local lles facilitou os folletos informativos para repartir á súa clientela habitual hai tan so dos días. Na súa opinión, "é unha tomadura de pelo tanto para nós como para as nosas consumidoras habituais".