Dous acusados de roubar en 20 vivendas en 2016 aceptan case 10 anos de prisión
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Entre xullo e setembro de 2016 rexistrouse unha onda de roubos e furtos en diversas vivendas de Galicia: dous en Meis, dous en Cotobade, catro en Ponteareas, tres en Salvaterra do Miño, dous en Fene, ademais de en Begonte, Chantada, Culleredo, A Cañiza e Mondariz. Este martes, a sala cuarta da Audiencia Provincial acollía o xuízo no que estaba previsto que sete persoas acusadas sentasen no banco como integrantes do grupo organizado que realizaba estes roubos, violacións de morada e furtos. Un caso que procedía do Xulgado número 2 de Ponteareas. Finalmente, a Fiscalía retiraba os cargos a catro das persoas imputadas, quedando como acusados Yolanda Gómez, Pedro Romero e José Calvar.
Os tres procesados aceptaron os cargos que se lle imputaban. No caso de Yolanda Gómez Gabarris, veciña do poboado do Vao en Poio, foi condenada como autora responsable dun delito continuado de furto á pena dun ano de prisión; 15 meses por outro delito continuado de violación de morada; 11 meses de cárcere polo delito de roubo; 30 días de multa por un delito de lesións e 1 ano e nove meses de prisión por outro delito de roubo. A xuíza aplícalle a atenuante de dilación indebida e a agravante de reincidencia.
No caso de Pedro Romero, veciño de Ferrol, tamén se contempla a mesma atenuante e a mesma agravante e aplícanselle 12 meses de ingreso en prisión por delito continuado de furto, 15 meses por delito continuado de violación de morada, 11 meses de cárcere por roubo e un ano 9 meses por outro roubo.
En total, cada un deles afronta unha pena de 59 meses de prisión (case 5 anos), ademais de asumir as indemnizacións e as costas procesais.
Por último, José Calvar foi condenado a 12 meses de prisión por furto continuado e 15 meses de violación de morada. Neste caso, tendo en conta a avanzada idade do procesado, o Tribunal aceptou a petición de suspensión de ingreso nun centro penal se durante un período de catro anos non comete un delito.
MODUS OPERANDI
Os procesados mantiñan unha fórmula similar en cada unha das súas accións. Mentres un deles realizaba funcións de vixilancia e preparaba a fuxida, algún dos outros acusados accedía ao interior das vivendas levándose botíns de ata 4.000 euros, ademais de xoias e outros elementos como cartillas bancarias, reloxos ou chaves.
Nalgúns casos, accedían á vivenda aproveitando un descoido ou, como no caso de Mondariz, solicitando á persoa que se atopaba no domicilio utilizar o baño para, unha vez dentro, empuxala. Tamén nun das violacións de morada en Ponteareas, aproveitaron que a residente se atopaba durmindo a sesta para acceder á vivenda. Neste caso, a persoa que tiña intención de practicar o furto foi sorprendida e empuxou á víctima causándolle inflamación e erosión en hemiespalda dereita e eritema no tarso do pé esquerdo.