A 'boa noite' de Xabier Fortes no debate electoral e a súa homenaxe ao Pontevedra CF
Por Natalia Puga
Exerce de galego e de pontevedrés alá onde vai. Mantense fiel ás cores do Pontevedra CF aínda que as súas responsabilidades laborais o manteñen moi afastado do estadio de Pasarón. Nos últimos anos erixiuse nun dos principais defensores do servizo público de Radiotelevisión Española (RTVE). É Xabier Fortes e este luns mostrouse fiel a estas tres facetas durante un dos momentos televisivos máis esperados do ano, o debate a catro entre os principais candidatos das eleccións xerais do próximo domingo 28 de abril.
A súa faceta de galego reivindicouna el mesmo ao pechar o debate. Ante media España -a cita congregara a 7.880.000 espectadores, un 40.6% do share-, despediuse cun "e, coma sempre, moi boa noite" que, de feito, converteuse na única referencia a Galicia na máis de hora e media de programa.
O propio Fortes explicou a PontevedraViva este martes, horas despois do debate e con apenas un puñado de horas de soño ás súas costas, que non foi premeditado, senón que, cando empezou a despedirse, ocorréuselle sobre a marcha."Me salió: me voy a despedir en gallego" e fíxoo "con todo el cariño", como homenaxe á súa terra.
A pesar de que a ausencia de Galicia do resto do debate espertou fortes críticas cara a todos os candidatos, o moderador non considera que a comunidade tivese que ter máis protagonismo, como tampouco o resto de autonomías, pois "en cierta medida, es un debate en el que es complicado que salgan las 17 comunidades autónomas". En todo caso, si cre que sería interesante organizar outra cita na que se debata sobre cada unha das realidades territoriais, sobre a España baleirada ou sobre as necesidades de cada rexión.
A dimensión de afeccionado do Pontevedra CF, nesta ocasión, mesturouse coas emocións. Pediu expresamente aos estilistas de RTVE que lle buscasen unha gravata granate coa que poder homenaxear a toda a afección pontevedresa e, en especial, a Rafa Ceresuela, autor do famoso 'Gol do allo' que levou ao Pontevedra C. F. a Primeira División na tempada 1962/63, que faleceu o domingo aos 80 anos.
A noticia luctuosa chegoulle no último ensaio da véspera do debate. Chamouno Rafa Ceresuela fillo e á tristeza polo falecemento sumouse a imposibilidade de acompañar á familia en tan duro momento. "Lamenté no poder estar", rememora, pero o momento profesional que tiña ante si llo impedía, de modo que optou por mostrar o seu agarimo a través da súa gravata, un "detalle mínimo" que lle saíu do corazón.
A súa vertente reivindicativa, que mostrou de forma activa na súa etapa como presidente do Consello de Informativos de TVE e mantén na actualidade como responsable de 'Los desayunos de TVE' desde setembro de 2018, saíralle nos días previos e confirmouse na xornada de resaca postdebate.
Xabier Fortes considera que é "motivo de orgullo" que todos os traballadores envorcáronse nos días previos para defender a necesidade de que o debate a catro se celebrase na radiotelevisión pública e defende que é un "logro de todos", dos 6.500 traballadores da corporación, e unha vitoria para todos os españois.
Esta foi a primeira vez que un debate destas características celebrouse en TVE e cre que todo o persoal mostrouse ilusionado, implicouse e "hicimos todo lo posible" para que fose unha realidade e un éxito. Á vista do resultado, cre que "en el futuro se va a regular para que haya dos debates, uno en la televisión pública y otro en la privada"
O seu papel era de moderador, de árbitro, e cumpriuno con nota. Estaba, facía posible que todo fluíse, pero sen chamar a atención, máis aló dalgunhas anécdotas como a famosa frase "les recuerdo que pueden educadamente faltarse al respeto", coa que chamou a que houbese máis acción e non se convertese nunha sucesión de monólogos dos candidatos de PSOE, PP, Cidadáns e Unidas Podemos.
Como árbitro, considera que non lle corresponde a el facer unha valoración de quen resultou gañador, viuno "bastante equilibrado" e, aínda que ten a súa opinión ben formada, non quixo decantarse por ningún. Para boa parte dos televidentes, e á vista das reaccións en contextos como a rede social Twitter, o gañador resultou el.
#BoasNoitesXabier así foi como pechou #ELDEBATEenRTVE Xabier Fortes: "e coma sempre, moi boa noite". pic.twitter.com/yrlehwLFX2
— Twiter en galego (@chio_en_galego) 22 de abril de 2019