Mellora a seguridade na estrada N-640 ao seu paso por Cuntis
Por Redacción
A N-640 ao seu paso polo centro de Cuntis é agora unha estrada máis segura. Este luns concluíron os traballos de reasfaltado da vía e pintado da sinalización horizontal que autorizou o Ministerio de Fomento a petición do goberno local.
As obras centráronse en toda a travesía e na intersección coa rúa da Presiña, que agora presenta unhas marcas viarias máis claras, con novos pasos de peóns e un asfalto libre de fochancas, de mellor calidade e que reduce o ruído.
"Era unha obra moi necesaria, que viñamos demandando desde hai tempo e estamos moi satisfeitos de podela levar a cabo porque mellora a imaxe da vila e tamén a seguridade", explicou o alcalde de Cuntis, Manuel Campos.
Durante a execución da última fase dos traballos, que tivo lugar durante a madrugada do domingo ao luns, foi necesario restrinxir as áreas de aparcadoiro, que volveron estar operativas tan pronto como concluíron os traballos.