Identifican tres mozos por botar ao río dez valados das obras da ponte do Burgo
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga
Tres mozos, todos eles residentes en Pontevedra, foron identificados pola Policía Nacional por tirar ao río Lérez dez valados das obras de peonalización que se están executando na ponte do Burgo.
Os feitos producíronse ás 5.56 horas do pasado 21 de abril, na madrugada do sábado ao domingo.
Os axentes formularon contra eles tres actas por infracción da lei de seguridade cidadá e trasladouse a proposta de sanción á Subdelegación do Goberno que incluirá, en todo caso, unha importante sanción económica.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, sinalou que estes feitos supoñen unha "irresponsabilidade alta", ao lembrar que estes valados están colocados para "protexer" tanto a peóns como a vehículos durante estes traballos.
O Concello analizará con detalle os atestados policiais e esixirá a imposición das sancións que veñan establecidas na normativa legal.