O BNG pide á Xunta que informe das negociacións levadas a cabo coa propiedade do antigo asilo
Por Oskar Viéitez
O BNG trasladou este luns ao Parlamento galego, por medio do deputado Luís Bará, a petición de explicacións sobre as negociacións levadas a cabo pola Xunta de Galicia coa propiedade do antigo asilo para a súa posible reconversión en residencia de persoas maiores.
Segundo Luís Bará, "a Xunta de Galicia leva dous anos con enredos e manobras dilatorias". A primeira intención anunciada polo Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo era que se ía reconverter parte do Hospital Provincial como residencia, logo desvelaron que se estaba a negociar coa propiedade do antigo asilo. Bará criticou que "a realidade é que", desde que o presidente da Xunta anunciase o compromiso de construir unha nova residencia, "pasou máis de ano ano e medio e non se moveu un papel".
Para o deputado nacionalista, "é unha falta de respecto e unha tomadura de pelo que o alcalde lle fixese ao presidente da Xunta un ofrecemento de até 5 parcelas para construir a nova residencia e que seis meses despois veña a conselleira urxindo a posta a disposición dunha parcela. Parece que lle viñeron agora as présas en vésperas do 28 de abril".
Ante esta situación de "retraso e manobras dilatorias", o BNG rexistrou unha proposición non de lei e unha batería de preguntas para pedir explicacións ao goberno galego e esixir que a nova residencia se adxudique no primeiro trimestre do 2020, unha vez que a Xunta seleccione con urxencia unha das parcelas ofrecidas polo concello de Pontevedra.
Ademáis o Bloque preguntará á Xunta cando ten previsto o goberno galego corrixir as deficiencias que presenta a residencia de persoas maiores de Campolongo.
Relacionadas:
-
Os socialistas urxen a Feijóo a construír a nova residencia pública de maiores que prometeu para Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello lémbralle á Xunta que xa fai seis meses que lle ofreceu terreos para unha residencia de maiores
Por Natalia Puga |
-
A Xunta solicita ao Concello un terreo para construir unha residencia de maiores
Por Oskar Viéitez |
-
O persoal da residencia de maiores de Campolongo volve protestar ante o abandono por parte da Xunta
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |