Sufocan un incendio na cociña dun piso de Manuel Cuña Novás
Por Redacción & Diego Torrado
Efectivos do Corpo de Bombeiros de Pontevedra acudiron á primeira hora da tarde deste sábado a unha vivenda da rúa Manuel Cuña Novás, no barrio de Campolongo, para sufocar un incendio declarado na cociña dunha vivenda o edificio número 1 da rúa.
Segundo informaron os bombeiros, o lume iniciouse por causas que aínda non se esclareceron na campá extractora na cociña da vivenda nun momento no que os habitantes da casa estaban a comer.
Unha vez que se iniciaron as chamas, os habitantes da casa desaloxárona polos seus propios medios e pediron a intervención dos bombeiros, que sufocaron as chamas sen que chegasen a expandirse ao resto da vivenda.
Segundo a información dos bombeiros, as lapas destruíron a campá e a cociña quedou moi afectada. No resto da vivenda rexistráronse danos polo fume xerado polo incendio e non houbo que lamentar danos persoais.
Ao lugar dos feitos acudiron efectivos dos Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra.