Lores ofrece á alcaldesa de París os "séculos de sabedoría acumulada" dos canteiros galegos para rehabilitar Notre Dame
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, trasladou o seu "máis sincera solidariedade" ao pobo de París tras o incendio que destruíu a cuberta do templo de Notre Dame. Fíxoo a través dunha carta remitida á alcaldesa de París, Anne Hidalgo, á que coñeceu o pasado mes de novembro con motivo da súa participación no Forum Smart City Paris 2018.
Ademais de compartir a súa "pena" e transmitir a súa "calor e agarimo", Lores ofreceu á alcaldesa toda a súa colaboración e lembroulle que "Galicia é un país de canteiros, con séculos de sabedoría acumulada" e que en Pontevedra hai dúas prestixiosas escolas de restauración e cantería con múltiples referencias internacionais.
Este ofrecemento de Lores chega tras a oferta de colaboración xa realizada por antigos alumnos da Escola de Cantería para as tarefas de restauración do que cualifica como o "símbolo arquitectónico máis prezado" pola capital de Francia.
Ademais, comparte cos parisienses "a satisfacción" polo feito de que a estrutura medieval do edificio siga en pé, como "demostración da sabedoría e o bo facer dos mestres e obreiros de hai 800 anos". Destaca que, "unido á pericia dos bombeiros de hoxe", ese coñecemento fixo que os danos non fosen irreparables.
"Oxalá pronto todas e todos podamos pisar de nova nosa querida Notre Dame", termina a misiva de Lores.
Relacionadas:
-
O BNG leva ao Parlamento a homologación dos estudos da Escola de Cantería
Por Redacción |
-
Os canteiros de Poio ofrecen os seus servizos para a restauración da Catedral de Notre Dame
Por Oskar Viéitez |
-
París quere "sabelo todo" de Pontevedra: "Se podo irei", asegura a alcaldesa
Por Alejandro Espiño |
-
Lores chama en París a combater as "cidades enfermas" co modelo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |