Trinta cans poñen rumbo de Cambados a Holanda para atopar unha familia
Por Natalia Puga
Trinta cans do Refuxio de Animais do Cambados puxeron rumbo a Holanda. Non será unha viaxe turística. Vanse para atopar unha familia de adopción á que non lograron conquistar en terras pontevedresas.
O Refuxio de Animais de Cambados atópase desbordado e incapaz de atender a todos os cans que lles entregan ou van recollendo, de forma que puxeron en marcha esta iniciativa de adopción internacional para lograr un fogar aos cans.
Os animais partiron este venres pola mañá, pero, previamente, recibiron unha merecida homenaxe por parte dos voluntarios e responsables do refuxio. O xoves déronlles unha sesión de baño conxunta e o venres, antes de partir, un bo paseo.
Non é a primeira vez que a asociación pon en marcha iniciativas como esta. De feito, a viaxe que partiu este venres é a terceira. Para lograr financialo, abriron unha conta para recibir doazóns e reunir os 3.000 euros necesarios para o aluguer de vehiculo, gastos de viaxe, pasaportes, microchips, vacinas e esterilizacións pendentes de facer.
"De novo volvemos pedir a vosa axuda para facer posible esta nova viaxe á esperanza, esta viaxe que dará fogares a 30 cans e unha vida soñada para eles chea de coidados, cariño e calor", foi a mensaxe utilizada. E fixo efecto.
Abriron tamén unha conta de Facebook. "Queremos volver viaxar a Holanda este mes de outubro con outros 30 peludos rescatados para darlles novos fogares. Sería a ultima viaxe do ano porque despois é moi duro para todos viaxar en inverno. Con esta viaxe poderemos sacar a outros 30 peludos da rúa que están sufrindo o abandono e o frio e as chuvias", relátase no evento que aínda segue activo.
O destino destes cans poderá coñecerse a partir de agora a través das redes sociais, como xa aconteceu cos dous anteriores. "Poderedes seguir a viaxe e gozar co comezo das súas novas vidas e seguide os casos a traves do noso blog", anuncian dende a protectora.