O PP de Poio trasladará á Fiscalía todas as irregularidades no contrato de lixo
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular de Poio ven de anunciar que, "por coherencia política", trasladará á Fiscalía todas as irregularidades no contrato de lixo. O portavoz popular, Ángel Moldes sinalou que "existen indicios máis que suficientes para a resolución deste contrato e o Bipartito non o fixo".
Por este motivo Moldes asegura que "unha vez xa esgotamos a vía administrativa e política, vémonos na obriga de acudir a xustiza e que sexa a Fiscalía a que realice a investigación", indicou.
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, e o de Promoción Económica, Gregorio Agís, comunicaron este martes en rolda de prensa as conclusións da Comisión de Investigación sobre o servizo de recollida de lixo no concello que determinou que Poio non está a pagar polo tratamento de residuos doutros municipios, como denunciara o Partido Popular.
Agís afirmou que o PP "saca conclusións de maneira interesada para xerar alarma e manternos ocupados en bobadas".
Pola súa banda os populares responden que "o que queremos que quede claro é que o PP de Poio non vai ser cómplice do compadreo do PSOE e do BNG coa empresa", polo que o candidato do PP á Alcaldía de Poio, Ángel Moldes anunciou que "si en maio a veciñanza dános a súa confianza para gobernar, o contrato de lixo ou se cumpre cos puntos e comas ou a mínima irregularidade impoñeremos as sancións correspondentes e resolveremos o contrato tal e como marcan os Pliegos e a lexislación en materia de contratación pública".
Os populares reiteran que a comisión de investigación foi un "paripé" entre a empresa concesionaria e Goberno local.
Finalmente lembran que a veciñanza de Poio paga á empresa concesionaria preto de 1 millón de euros ao ano, e máis 15.000 euros a outra empresa para que controle este servizo de recollida de lixo.