Remolcan a porto unha embarcación con dous tripulantes que sufriu unha vía de auga entre a Illa de Ons e Punta San Vicente
Por Redacción
Salvamento Marítimo e os Gardacostas de Galicia rescataron na mañá deste martes unha embarcación con dous tripulantes que acababa de sufrir unha vía de auga cando se atopaba entre a Illa de Ons e San Vicente do Grove.
Segundo informou Salvamento Marítimo, a embarcación de recreo Centollo pediu axuda porque sufrira unha vía de auga cando ían dous tripulantes a bordo sobre as 14.30 horas. O Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo (CCS) Finisterre mobilizou o helicóptero Pesca I dos Gardacostas de Galicia e a embarcación Salvamar Sargadelos.
A Salvamar de Salvamento Marítimo remolcou a embarcación ata o náutico de Pedras Negras, no Grove, cos dous tripulantes en bo estado.
Segundo os Gardacostas de Galicia, o Pesca 1 chegou á zona, avaliou a situación e mantívose como cobertura de seguridade mentres que a Salvamar Sargadelos remolcou a embarcación foraborda a porto.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 indicou que no operativo víronse implicados ademais de Salvamento Marítimo e os Gardacostas a Policía Local de O Grove, diversos servizos sanitarios, a Garda Civil e a agrupación de voluntarios de Protección Civil.