O espazo gastronómico do mercado quere abrir as súas portas en xuño
Por Alejandro Espiño
O mercado de abastos de Pontevedra emprendeu un "camiño de non retorno". Así de rotunda mostrouse a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, acerca da nova etapa que se iniciará coa apertura do espazo gastronómico da primeira planta. O Concello mantén os seus plans para inauguralo en xuño.
Dos 44 postos que estarán habilitados, 31 xa teñen destinatario. O proceso de licitación concluíu con trece ofertas aceptadas, que ocupasen un total de 23 postos. Os outros oito son os dous bares actuais, os negocios que manteñen a súa actividade, o espazo do Ganapán e as consignas frigoríficas.
A cantidade ofertada polos licitadores, en global, ascende a 16.934 euros anuais. O canon que propuxeron, en base ao espazo que ocupan, oscila entre os 315 euros -que será corrixido porque o mínimo era de 347 euros- e os 4.805 euros que pagará o negocio situado xunto ás escaleiras de acceso-
O Concello, a partir de agora, promete "axilizar ao máximo" a tramitación administrativa que queda por diante, entre outras cousas, a comunicación ás persoas e entidades que se lles adxudica o posto e a aprobación por parte da Xunta de Goberno.
Ademais, Anabel Gulías adiantou que manterá unha reunión "formal" con todos eles para "discutir" a programación que terán, os horarios ou os días de descanso ou os servizos de limpeza que terán que despregarse pola actividade deste espazo gastronómico.
A edil do BNG sinalou que, ante as trece vacantes que quedaron, o Concello negocia coa escola de hostalería Carlos Oroza para cederlles dous postos, onde os alumnos poderán experimentar e realizar prácticas relacionadas coa súa formación e, o resto, serán ocupados por postos da Sétima Feira.
A partir de setembro, engadiu, estudarase realizar unha nova licitación que iría unida coa saída a poxa dos postos que seguen libres na planta principal do mercado.
Outra idea, a creación dun "Rincón d@s chefs" que ocupen cociñeiros e cociñeiras de renome que permitan dinamizar o mercado, quedará paralizada polo momento, a expensas de negocialo cos adxudicatarios, ao ser unha actividade específica que pode "xerar malentendidos" que hai que aclarar antes de que se produzan.
POSTOS DISPOÑIBLES
O espazo gastronómico terá unha 'merluzoteca', con pescada elaborada en diferentes variedades; unha 'pulpoteca', que ofrecerá polbo de Ons; ou ofertas vexetarianas, unha delas comidas a base de verduras e outra que servirá almorzos, zumes e batidos.
Haberá ademais postos de peixe afumado, de mexillóns preparados de diversas maneiras, de 'piadas' ou crepes salgadas, de empanadas con produtos que se poden comprar no propio mercado de produtos, de elaborados a base de pito ou de comida 'de pucheiro'.
Como non pode ser doutra maneira, ademais dos dous bares actuais que se manterán abertos, haberá postos de bebida. En concreto, unha viñoteca especializada en viños galegos, unha coctelería e un negocio de cervexas artesás.
Relacionadas:
-
19 de xullo, data prevista para a apertura do espazo gastronómico do mercado
Por Alejandro Espiño |
-
Nova cita de Sétima Feira no primeiro andar do mercado de abastos
Por Redacción |
-
O mercado de Pontevedra prepárase para abrir o seu novo espazo gastronómico
Por Alejandro Espiño |
-
Polbo, mexillóns, empanadas, viños e ata unha 'merluzoteca', propostas do novo espazo gastronómico do Mercado
Por Diego Espiño |
-
O espazo gastronómico do mercado de Pontevedra recibe trece propostas
Por Alejandro Espiño |