Un día en Poio: unha visita inesquecible á Ría de Pontevedra
A carón da cidade de Pontevedra e separado unicamente pola ría, o concello de Poio combina a paisaxe meramente mariñeira coa urbana, ofertando a quen o visita un importante patrimonio artístico e natural.
Recollemos algún dos imprescindibles de Poio, un dos concellos mariñeiros de Terras de Pontevedra, para que non perdas nada na túa próxima viaxe pola Ría de Pontevedra:
1- ÁREA ARQUEOLÓXICA DA CAEIRA
Empezamos o día a 150 metros de altitude, no barrio da Caeira. Aquí, nunha ladeira empinada atoparemos un impoñente miradoiro con vistas á ría e á cidade de Pontevedra. Xusto debaixo, unhas pasarelas de madeira condúcennos á Área Arqueolóxica da Caeira, máis dunha vintena de gravados rupestres, tres dos cales están considerados Monumentos Histórico Artísticos: a Laxe do Xugo, a Laxe das Lebres e a Pedra Grande de Montecelo.
O espazo conta con paneis informativos para axudarnos a observar as figuras nas rochas, máis visibles durante as primeiras horas da mañá ou no solpor. Tamén é moi aconsellable achegarse ao Casal de Ferreirós en San Salvador de Poio, onde se atopa o Centro de Interpretación - Centro Arqueolóxico A Caeira, no que poderemos coñecer máis a fondo os petróglifos desta zona das Rías Baixas e os arqueólogos que os descubriron.
2- CASA MUSEO DE CRISTÓBAL COLÓN
A Casa Museo Cristóbal Colón aséntase sobre a Casa da Cruz, que foi propiedade da familia do navegante durante a Idade Media. Neste punto estúdase un dos grandes enigmas da historia: Quen foi Cristóbal Colon? E de onde?
O centro analiza a través do seu espazo expositivo as distintas teorías da orixe galega do navegante, sobre a base dos traballos de Celso García de la Riega. Ademais conta con numerosos documentos e contidos audiovisuais nos que se poden descubrir moitas curiosidades da historia mariñeira da ría de Pontevedra.
3- MOSTEIRO DE SAN XOÁN DE POIO
O Mosteiro de San Xoán de Poio ten as súas raíces no século VII, pero é a partir do século X cando se lle outorgan numerosos privilexios reais e nobiliarios que contribuíron seu esplendor. Foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1970 e é unha visita imprescindible para tódolos amantes da historia e do arte que visitan estas terras.
Do edificio principal pódense visitar (consultar horario): o Claustro Procesional, o Claustro da Portería e a Igrexa. No exterior conta, ademais, co hórreo de maior capacidade de toda Galicia e un dos mais largos, con 121 metros de lonxitude e unha morfoloxía única sobre tres ringleiras de pés.a
4- PARQUE DA SECA
O parque da Seca é un lugar curioso alonxado da tradicional rota turística, con magníficas vistas sobre a ría e a illa de Tambo. Nel, ademais de numerosos espazos de recreo e parques infantís, atópase o chamado Parque da Memoria, un conxunto escultórico deseñado polo premio Nobel Pérez Esquivel no que se rende homenaxe á emigración dos cinco continentes.
Probablemente, unha das formas máis fermosas de achegarse ata aquí sexa a través do sendeiro dos Muíños da Freixa, que parte a un quilómetro do Mosteiro de Poio e finaliza na área deportiva da Seca.
Durante distintas épocas do ano tamén podemos atopar con marea baixa a centos de mariscadoras traballando para obter os froitos que se degustarán na Festa da Ameixa no porto de Campelo.
5- ILLA DE TAMBO
A cabalo entre Marín e Combarro, esta pequena illa de tan só 28 hectáreas ten unha longa historia e moitas lendas. Unha das máis coñecidas di que San Frutuoso andou dende Tambo ata Poio, onde fundou o Mosteiro de San Xoán de Poio.
O antigo mosteiro da illa foi destruído durante as incursións piratas de Francis Drake, pero aínda conta coa antiga igrexa do mosteiro e unha fermosa fonte, así como un faro e tres pequenos embarcadoiros.
Hoxe en día as visitas están restrinxidas, pero organízanse de cando en vez visitas guiadas para coñecer este peculiar enclave pontevedrés.
6- MUÍÑOS DE SAMIEIRA
Posiblemente un dos sendeiros máis populares da zona, xunto coa chamada "Variante Espiritual", é este camiño polo río Freiría, no que atoparemos 23 muíños en distintos graos de conservación.
O percorrido lineal, de preto de 11 quilómetros ida e volta, transcorre pola ladeira do Monte Castrove, por un camiño de baixa dificultade e acondicionado con pasarelas de madeira. Ao final da ruta, atópanse dous miradoiros dende os que se poden gozar unhas magníficas vistas da ría de Pontevedra.
7- O CENTRO HISTÓRICO DE COMBARRO
Combarro é visita obrigada para todo aquel que se achegue ás Rías Baixas. Declarado Conxunto de Interese Artístico e Pintoresco en 1972, esta pequena vila mariñeira ten unha das paisaxes máis peculiares de toda Galicia cos seus 30 hórreos a carón do mar.
Construído enriba de bloques graníticos, o centro histórico de Combarro non só son hórreos. Os cruceiros e balcóns mirando ao mar, a igrexa do século XVIII en honra a San Roque ou os numerosos locais gastronómicos fan que sexa un máis que merecido fin de rota para o noso día percorrendo o concello de Poio.
Para os que queiran seguir explorando, o concello conta con 20 quilómetros de praias semi-urbanas e naturais, das cales dúas delas (Cabeceira e Xiorto) contan con bandeira azul ano tras ano.
APP DE TERRAS DE PONTEVEDRA
Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android
Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para todos os viaxeiros. A través da app podemos atopar máis lugares ou seguir os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.
Descarga a app para Android e iOS neste enlace: terrasdepontevedra.org/descarga-app