Os veciños de Echegaray decidirán o inicio das obras de reforma da rúa

Por Alejandro Espiño

© Concello de Pontevedra

© Concello de Pontevedra
O proxecto de reforma da rúa Echegaray xa está listo. As obras, que executará a empresa Viaqua no marco do novo contrato de abastecemento de auga e saneamento, teñen previsto durar uns seis meses. O Concello consultará cos veciños a data na que consideran máis adecuado que se inicien estes traballos.
O goberno municipal manterá un encontro con veciños e comerciantes a próxima semana para mostrarlles o proxecto, recoller posibles suxestións e decidir cando se iniciará a reforma.
O Concello considera que a mellor opción sería comezar despois das Festas da Peregrina, pero en todo caso a última palabra terana os residentes.
A obra conta cun orzamento de 696.064 euros, que asumirá integramente Viaqua. Consistirán, basicamente, na renovación das canalizacións de augas residuais e pluviais, do abastecemento de auga e da iluminación pública na marxe dereita. Na esquerda, só se manterán as tubaxes da auga xa que son moi recentes.
En superficie, Echegaray será similar a outras rúas xa reformadas na cidade, con beirarrúas máis anchas, estacionamento de servizos a ambos os dous lados da rúa -que pasará a ser en liña-, arboledo e demais mobiliario urbano.
Ao mesmo tempo, o Concello terá que definir como se executará a reforma, xa que o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, avanzou a posibilidade de realizalas primeiro nun lado da rúa e despois no outro.
Ademais, ante posibles cortes puntuais de tráfico barallaranse cambios na circulación para dar acceso a residentes e servizos mentres duren os traballos de reforma.