Case cincuenta asociacións solicitaron espazo no edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño
A demanda de espazos nos andares que a Xunta de Galicia cederá a asociacións da cidade no seu edificio de Benito Corbal case dobrou á oferta. Un total de 46 entidades pediron contar cunha oficina neste inmoble, que terá capacidade para acoller a tan só 26 delas.
A Xunta de Galicia asegura que, unha vez rematado este proceso, os técnicos revisarán toda a documentación e procederán á adxudicación dos espazos, que será comunicada ás entidades interesadas o antes posible.
As obras, pola súa banda, teñen previsto rematar este mesmo mes de abril. A partir de aí, a Xunta solicitará ao Concello de Pontevedra a licenza de primeira ocupación do edificio.
Tal e como estaba previsto, os 6.000 metros cadrados do edificio albergarán na planta baixa, primeira e segunda as oficinas públicas de emprego, que ata agora estaban alugadas noutros dous locais da rúa Eduardo Pondal.
Nas plantas terceira e cuarta estarán os despachos das asociacións, mentres que as catro plantas restantes estarán a disposición da Universidade de Vigo.
A reforma, que supuxo un investimento de case 5 millóns de euros, está a permitir unha remodelación integral do inmoble, que inclúe a substitución da fachada por un revestimento de aluminio de cor azul eléctrico. Tamén se cambiou a carpintería metálica por outra con dobre acristalamento.
A remodelación permite distintas actuacións no eido da eficiencia enerxética, co obxectivo de reducir nun 70% o custo de mantemento en calefacción e iluminación do edificio.
Relacionadas:
-
A Universidade quere aproveitar as súas oficinas no Edificio Azul para consolidar a súa presenza na cidade
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Propoñen que o edificio da Xunta en Benito Corbal leve o nome de Virxinia Pereira
Por Redacción |
-
O edificio administrativo de Benito Corbal comeza a súa "segunda vida"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Xunta remata a cuberta exterior do edificio de Benito Corbal
Por Redacción |
-
A Xunta abre o prazo para que as asociacións poidan solicitar locais no edificio de Benito Corbal
Por Redacción |
-
Azul metálico, o antigo edificio da Xunta en Benito Corbal amosa a súa cor
Por Redacción |