Un falecido e un ferido nun violento accidente en Aguete
Por Redacción
Terrible accidente de circulación o acontecido este domingo na baixada da praia de Aguete, en Marín.
Un home de 38 anos de idade perdeu a vida no suceso, que se produxo pouco antes das 16:30 horas da tarde.
O coche que conducía, un Citroen Xsara, saiu da vía e impactou violentamente contra o muro dunha casa e un poste da luz.
O condutor resultou falecido no choque, mentres que un acompañante resultou ferido, segundo informaron os equipos de emerxencia.
Ata o lugar trasladáronse enseguida efectivos do 061, Garda Civil de Tráfico e Bombeiros do Morrazo, que tiveron que excarcerar ás vítimas ao quedar atrapadas dentro do vehículo. Con todo, nada se puido facer para salvar a vida do condutor, cuxo falecemento foi certificado poucos minutos despois polo equipo médico.