Batucada brasileira en Marín para a fin de semana das Letras Galegas
Por Redacción
Os integrantes da Batucada Os da Caña reuníronse cos concelleiros Manuel Santos e Marian Sanmartín para pechar o programa do Ruxe Marín 2019, que terá lugar a fin de semana do 17 de maio, no que se celebra o Día das Letras.
A idea é "dinamizar Marín", e especialmente a Finca de Briz, "a ritmo de tambores" e con actividades destinadas a todos os públicos.
A tarde do venres 17 de maio estará enfocada aos máis pequenos, cun taller de ecopercusión (percusión con materiais reciclados) e unha exhibición de zumba na que poderán participar todas as persoas que o desexen. Pola noite haberá un concerto para bailar "ata que o corpo aguante".
O sábado 18 de maio, ás 10 da mañá, empezan as actividades cun taller de percusión Afro-brasileira e pola tarde haberá varias actuacións de batucadas, maxia e outras exhibicións. Pola noite seguirá a festa coa realización dunha queimada popular, malabares e concertos.
Finalmente, o domingo 19 de maio haberá un "macrobloco" (pasarrúas) que promete facer vibrar as rúas de Marín.