Un vilagarcián, ante unha condena de prisión por anos de ruídos que xeraron ansiedade nos seus veciños
Por Natalia Puga
Durante catro anos, entre xullo de 2012 e abril de 2016, o veciño de Vilagarcía T.S.G. provocou "incesantes ruídos", por encima dos niveis acústicos máximos tolerables segundo a lei, na súa vivenda e esa situación afectou gravemente o matrimonio que residía no chalé encostado ao seu cun fillo menor. Os seus veciños sufriron as molestias e prexuízos do ruído excesivo, con graves prexuízos para a súa saúde, e víronse obrigados a chamar á Policía Local en múltiples ocasións.
A Fiscalía de Pontevedra considera que con esa actitude cometeu tres delitos, un contra o medio ambiente e dous de lesións polos danos causados aos seus veciños, polos que pide que sexa condenado a oito anos de prisión e unha multa de 6.300 euros.
Os feitos chegarán a xuízo a próxima semana no Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra, onde a Fiscalía tamén pedirá que se impoña ao acusado a prohibición de aproximarse aos seus veciños e o seu fillo menor, aos seus domicilios, lugares de traballo e a calquera outro lugar no que se atopen a unha distancia inferior a 500 metros, así como a prohibición de comunicarse con eles durante cinco anos.
Ese comportamento tamén lle poderá supoñer o pago dunha cuantiosa indemnización de 142.750 euros a cada un dos seus dous veciños, 42.750 polas lesións causadas e 100.000 en concepto de danos e prexuízos causados á súa saúde psíquica e intimidade persoal.
O escrito de acusación formulado pola Fiscalía sostén que durante os anos 2012 e 2013 os veciños tiveron que chamar á Policía Local en múltiples ocasións a distintas horas, fundamentalmente entre as once da noite e as oito da mañá e hai constancia de polo menos doce actas de comprobación de ruídos e vibracións que arroxaron resultados positivos.
A maiores, os axentes da Policía Local acudiron ao domicilio dos denunciantes en numerosas ocasións nas que detectaron unha radio posta a moi diferentes horas e a un volume desorbitado, sen que atopasen a ninguén na vivenda da que saían os ruídos.
Esta actitude derivou en que o acusado fose sancionado polo Concello de Vilagarcía mediante dúas resolucións administrativas nas que lle impuxeron multas de 3.000 e 9.015, 19 euros logo confirmadas no xulgado.
A partir de decembro de 2013, cambiou a súa actitude. Empezou a programar a música e a radio por períodos moi curtos e aleatorios para evitar que se puidese constatar a continua e persistente reiteración dos feitos.
A tensión xerada como consecuencia da exposición a ruídos excesivos, e ademais a esas horas, imposibilitou o acougo familiar e o descanso durante varios anos e afectou á intimidade, a estabilidade, o acougo e o confort dos veciños. Ambos sofren ansiedade e un deles tamén cadros gástricos con náuseas, ardor e dor abdominal.