As eleccións ficticias de facultade de Ciencias Sociais, un simulacro da realidade social
Por Olaya Madrigal
Poden unhas eleccións ficticias representar o funcionamento da sociedade actual?
Isto é o que tratan de demostrar cada ano os alumnos de Publicidade da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (FCSC) dentro dun exercicio de implicación na comunidade educativa que permite poñer en dúbida o seu funcionamento e ofrece propostas plausibles para mellorala.
A participación socio-política a gran escala é o sucesor da participación nas pequenas áreas da sociedade, os lugares onde é posible crear pequenas comunidades que comparten as mesmas confrontacións e os propios esforzos por mudala son palpables.
Un exemplo de pequena comunidade é a que se forma arredor do exercicio das eleccións ficticias proposto polo docente José Rúas Araújo, no que o alumnado colabora para converter a facultade nun novo espazo de cooperación, máis tolerante e inclusivo.
O exercicio é proposto cada ano aos estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas dentro da materia de Técnicas de Comunicación Electoral e Institucional. Cada unha das catro clases do terceiro curso, únese durante dúas semanas na creación dun partido político, coa súa conseguinte imaxe, ideoloxía, propostas e accións. Durante este período, a Facultade vólvese o lugar de actuación das pequenas campañas electorais que cada un leva a cabo.
O resultado acaba sendo un avatar da sociedade a gran escala, onde as diferentes ideoloxías expoñen as súas preocupacións e actúan para mudar de xeito inmediato o seu entorno: a comunidade educativa, neste caso.
Como non podía ser doutro xeito, os principais movementos sociais de actualidade impregnan o pensamento dos diferentes partidos. Feminismo, ecoloxismo, formación dunha comunidade universitaria participativa e conservadurismo son algúns dos fundamentos que dan sentido aos partidos deste ano: Anti Publi Publi Club, La Casa del Cartel, Partido pola Unidade da Facultade (PUF) e Unidos Somos Pokémon (USP).
Dentro dun marco que cuestiona o proceder dentro da facultade, os alumnos colaboran na busca de problemas recorrentes e nas posibles solucións para eles, á vez que participan na creación dunha auténtica comunidade universitaria, que abarca moito máis aló da mera educación.
A loita feminista, o movemento social con máis forza hoxe en día, foi tamén a protagonista indiscutible desta pequena campaña e un dos principais sustentos da ideoloxía de dous dos tres partidos, Anti Publi Publi Club e La Casa del Cartel, inspirado na serie La Casa de Papel. Ademais, como oposto ao que acontece no sistema político real, tres das catro candidatas foron mulleres. O Partido pola Unidade da Facultade, pola súa banda, representou unha parodia dos fascismos, mentres que Unidos Somos Pokémon fundamentou o seu discurso no ecoloxismo e na defensa dos animais.
Neste contexto, algunhas das propostas que se levaron a cabo na facultade foron:
FEMINISMO
-
Disposición de tampóns e compresas nos baños de mulleres por Anti Publi Publi Club. O seu lema: "se nos baños hai papel hixiénico, por que non hai tampóns?" Un claro exemplo dun tema recorrente na loita feminista, "ter a regra non é un luxo", polo tanto os produtos de hixiene íntima tampouco deberían selo.
-
Masterclass de autodefensa. Impartida por Ángel Lago, campeón de España de MMA e Grampling e Javier Carrega, Cinturón Negro e experto en autodefensa. Os membros de Anti Publi Publi Club organizaron unha clase intensiva de autodefensa por un prezo de 2 euros para que ningunha rapaza se teña que ver nunha situación de vulnerabilidade.
-
Sentada feminista. O 9 de abril os integrantes de Anti Publi Publi Club organizaron unha sentada feminista para reivindicar o papel da muller no ensino universitario. Entre as súas demandas estaban a disposición gratuita de produtos de hixiene, a incorporación aos plans docentes das aportacións femininas nos diferentes campos ou a inclusión de materias relacionadas co xénero en todos os graos universitarios.
-
Servizo de Orde Feminista. Outra acción recorrente nos últimos anos é a creación de grupos femininos contra o acoso en grandes eventos, algo que as creadoras de La Casa del Cartel adoptaron coa creación dunha brigada de pulseiras vermellas, que axudaría a calquera rapaza en situacións de violencia ou acoso machistas no marco das celebracións das diferentes facultades do Campus de Pontevedra. A proposta tivo tanto éxito que varias persoas solicitaron incorporarse á brigada de pulseiras vermellas.
ECOLOXISMO
-
Charla da protectora Villa Peixiño. O partido USP, preocupado especialmente polo ecoloxismo e a defensa dos animais, organizou unha charla sobre adopción responsable na que houbo un convidado moi especial, un can da protectora cunha historia que contar.
-
Postos de comida vegana e vexetariana. A maioría dos partidos optaron por entrantes que non incluían animais na súa elaboración.
-
Reciclaxe. O partido USP colocou no seu stand tres papeleiras de reciclaxe para expor a importancia de reciclar.
-
Emprego de útiles de cartón ou madeira. Case todos os recipientes dispostos nos stands eran de materiais con menor impacto ambiental que o plástico.
COMUNIDADE UNIVERSITARIA
-
Charla Erasmus. Os membros dos catro partidos ficticios uniron forzas para impartir unha charla sobre Erasmus ao alumnado da facultade.
-
Compartir apuntes. La Casa de Cartel organizou unha xornada de intercambio de apuntes para que todos aqueles alumnos con temario de anos pasados puidesen ofrecerlle a súa axuda aos máis pequenos, ao igual que intercambiar entre materias.
Ao remate da campaña, chegou o día da votación: o xoves 11. Ao finalizar a xornada, os alumnos reuníronse co profesor responsable da materia, José Rúas Araújo, para facer un reconto de votos e coñecer a orde de gañadores, do que parte da nota da materia depende.
O público declarou gañador a Anti Publi Publi Club con 98 dos 245 votos, seguido do Partido pola Unidade da Facultade, que propuña unha parodia dos fascismos coa que sumou 66 votos. En terceiro lugar, Unidos Somos Pokémon recibiu 45 votos e, por último, La Casa del Cartel rematou con 35.
Malia isto, durante o lapso temporal en que as eleccións ficticias estiveron en vixencia, todos os membros da pequena comunidade que é a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación gañaron en coñecemento mutuo e cooperación, traballaron na mellora da situación que lles abrangue e compartiron preocupacións e triunfos.
Tras observar o recibimento do público, algúns equipos continuarán traballando para levar a cabo as propostas plantexadas ou continuar coa súa vixencia nos próximos meses.
Máis que unha confrontación, nestas eleccións viviuse unha unión do alumnado para lograr levar a cabo nunhas ocasións accións de maior alcance e noutras porque a súa ideoloxía, moi similar, impedía a competitividade desleal.
Rematan por este ano as eleccións ficticias da FCSC, nas que asistimos a un simulacro da realidade social, cando as reais dan comezo á súa campaña.