Miguel Vilacoba, no banco dos acusados por quedar con 1.075 euros da comunidade de montes de Lérez: "Fue un error"
Por Natalia Puga
O ex presidente da comunidade de montes de Lérez, Miguel Vilacoba García, sentou este venres no banco dos acusados do Xulgado de Penal número 2 de Pontevedra para render contas por presuntamente quedar con 1.075,89 euros da comunidade e asumiu que ese diñeiro foi a parar á súa conta e non o devolveu ata tres anos despois, pero aclarando que todo foi froito de "un error", pois "no era consciente de que ese dinero estaba en mi cuenta". .
Vilacoba chegou a xuízo por mor da denuncia presentada pola nova directiva dos comuneiros. Todo se remonta a marzo de 2014, cando se produciu un roubo na casa de cultura propiedade da comunidade e a compañía aseguradora recoñeceu o pago dunha indemnización de 600 euros á persoa que rexentaba a cafetería do local -a esposa de Vilacoba- e outra de 1.075 á propia comunidade.
Esa indemnización acabou ingresada na conta persoal de Vilacoba, a mesma na que se pagou o indemnizado á cafetería. Aínda que todo ocorreu en 2014, os feitos non saíron á luz ata 2017, cando, tras o cambio de directiva, realizouse unha revisión das contas e os novos xestores descubriron que a comunidade non chegara a recibir ese ingreso, que fora a parar ao ex presidente.
Durante a mañá deste venres prestaron declaración no Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra diversos comuneiros e actuais directivos da comunidade de montes que explicaron o proceso da denuncia e que nunca antes sospeitaran de posibles movementos irregulares nas contas da comunidade porque tiñan "total confianza" na xestión de Vilacoba.
Varios deles aseguraron que tentaron falar co agora acusado en varias ocasións e el negouse e un antigo vogal chegou a indicar que non cre que realmente fose todo resultado dun erro: "Yo no lo veo como un error. Eso fue que te entró (el dinero) y te hiciste el longuis".
Con todo, outro comuneiro indicou unha actitude completamente distinta por parte do acusado, pois asegura que en canto el se decatou de que faltaba ese diñeiro, quedou con el e mostrou unha actitude de "sorpresa" polo que lle estaba contando. Comprometeuse a revisar as súas contas e dicirlle algo e ese mesmo día, horas máis tarde, chamouno e recoñeceulle que vira na súa conta un diñeiro que non era seu. Iso ocorreu un venres e ao luns seguinte, o diñeiro xa estaba na conta da comunidade.
O corredor do seguro explicou na sala que inicialmente na compañía tiñan un número de conta da comunidade para realizar o ingreso, pero que ese número deu problemas porque naqueles momentos estaba a implantarse o 'IBAN' nas contas, de modo que pediu ao entón presidente un número novo, deulle o que resultou ser o seu persoal e efectuouse o pago. O corredor non volveu ter coñecemento do tema ata que a nova directiva preguntoulle polo tema tres anos despois.
A xuíza accedeu á petición do avogado de Vilacoba para que este fose o último en declarar, e non o primeiro como ocorre con todos os acusados. Despois de que as testemuñas expuxesen as súas versións dos feitos, el declarou e declarouse inocente, facendo referencia a ese "erro".
Así, indicou que proporcionou á compañía o seu número de conta porque o outro daba problemas e que a súa "primera intención" foi ingresar na conta da comunidade o diñeiro recibido na súa. Non o fixo porque "nunca me acordé más de esa cantidad".
"Es un error. No lo puedo explicar. Evidentemente ocurrió", asumiu, pero asegurou que nunca quixo quedar con ese diñeiro e que se sorprendeu cando lle fixeron saber que non o ingresou finalmente. En canto o verificou, devolveu o diñeiro.
A Fiscalía considerábao inicialmente responsable dun delito de estafa e pedía que fose condenado a un ano de prisión ao aplicarlle a circunstancia atenuante de reparación do dano. Tras o xuízo, modificou as súas conclusións e pasou a atribuírlle un delito de apropiación indebida cunha circunstancia agravante de abuso de confianza e outra atenuante de dilacións indebidas extraordinarias. A fiscal mantén que cometeu eses feitos "prevaliéndose" da súa "condición de presidente de la comunidad".
A acusación particular pide que sexa condenado a tres anos de prisión, ano e medio por apropiación indebida e outro tanto por administración desleal e tamén lle reclama 3.000 euros por danos morais e unha inhabilitación especial. A súa defensa mantén en todo momento a súa inocencia.
O xuízo quedou visto para sentenza este venres.