A falta de persoal nos equipos de valoración de discapacidade provoca esperas de máis de dous anos
Por Oskar Viéitez & Nacho Fuentes
Os traballadores dos Equipos de Valoración e Orientación (EVO) da xefatura territorial de Política Social en Pontevedra concentráronse este venres ante a súa sede da Avenida de Vigo, para protestar pola mala xestión do persoal que provoca esperas de máis de dous anos para o recoñecemento aos usuarios do seu grao de discapacidade.
Tras un acúmulo de tarefas de nove meses de duración, de xuño a febreiro deste ano, lograron reducir a espera de tres a dous anos. Estes seis equipos de apoio estiveron a traballar en Pontevedra ata o pasado mes de febreiro. Con todo, desde entón volven estar só os tres equipos estables e o seu temor é que se volvan a incrementar eses tempos.
Os dous equipos operativos están formados por un profesional médico, un psicólogo e un traballador social.
Unha das portavoces deste colectivo, Araceli Branco, médico do equipo, explicou que "esa reiterada contratación de personal por acúmulo de tareas deja claro que hay una insuficiente plantilla" polo que reivindican un incremento do persoal "no una contratación externa de profesionales, sino contratación de dos equipos", indicou.
Por este motivo instan á conselleira de Política Social, Fabiola García, a que reforce con equipos novos e permanentes á xefatura de Pontevedra.
Ademais da sobrecarga de traballo que padecen estes profesionais o principal motivo desta mobilización é "el perjuicio que se les causa a los usuarios".
Os traballadores contan co apoio dos sindicatos e das formacións políticas da oposición a nivel autonómico. Así, mantiveron encontros coa deputada do PSdeG, Patricia Vilán, de En Marea, Paula Quinteiro e do BNG, Luís Bará que participou este venres na concentración ante a delegación de Sanidade.
Luís Bará anunciou que o Bloque demandará unha "solución estrutural" á Xunta a través dunha serie de iniciativas parlamentarias que presentará a próxima semana. Os nacionalistas pedirán á conselleira "unha solución definitiva e non un parche, parcial e incompleto" que, ao seu xuízo, "non resolve o problema de fondo" que ten unhas "repercusións moi dramáticas na vida da xente", sinalou.
Relacionadas:
-
A Xunta reforzará con catro novos equipos ao Servizo de Valoración da Discapacidade en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG leva ao pleno do Parlamento o retraso de dous anos na valoración da discapacidade
Por Redacción |
-
Piden dous equipos máis con persoal fixo na Unidade de Discapacidade para atender máis de mil casos anuais
Por Miguel Álvarez Fandiño & Anxo Lourido |
-
Esixen á Xunta que dote á unidade de valoración da discapacidade de dous equipos máis "pero fixas"
Por Oskar Viéitez |