Internan nun centro especializado ao home que abusou sexualmente de dúas nenas menores
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra acordou este xoves o internamento nun centro especializado dun home que abusou sexualmente de dúas nenas menores. A Fiscalía solicitaba inicialmente cinco anos de prisión e outros cinco de internamento para o seu tratamento médico debido a un "atraso mental leve".
As partes chegaron a un acordo de conformidade que evitou a celebración do xuízo.
Así, acordouse unha condena de tres anos de prisión, dous anos por un delito de abusos e un ano polo outro. Ademais impónselle unha orde de afastamento e a prohibición de comunicarse coas vítimas por espazo de tres anos no caso da súa primeira vítima e outros dous a segunda.
Esta pena de cárcere substitúese polo mesmo tempo de internamento para que este individuo reciba tratamento médico ou educación especial nun centro especializado. Ademais o tribunal sentenciou ao acusado a tres anos de liberdade vixiada e o sometemento a un programa de educación sexual. Ademais o procesado deberá indemnizar ás dúas menores con 2.500 e 1.000 euros.
A Fiscalía indica que o acusado reúne "características concordantes con atraso mental leve, o cal lle causa unha afectación moderada das súas capacidades intelectivas e volitivas en relación a estes feitos".
Segundo o relato da Fiscalía no escrito de acusación e recoñecido polo acusado como autor destes feitos, entre 2015 e agosto de 2017, unha das menores acudía cos seus pais á vivenda do imputado, onde supostamente cometía os abusos. Despois, facíalle pequenos agasallos como chucherías, pulseiras ou gomas do pelo, segundo o Ministerio público.
Á outra nena, de cinco anos, abordouna cando xogaba nas inmediacións dun bar onde estaba o seu pai.
O caso procede do xulgado de instrución número dous de Cambados.