Estiman nun 64% a ocupación hoteleira media na provincia para Semana Santa
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra estima nun 64% a ocupación hoteleira media na provincia para a vindeira Semana Santa. A presidenta, Carmela Silva, insistiu en que son unhas estimacións "prudentes" debido a que "aínda esta semana abriron algúns establecementos, outros non van abrir, e a climatoloxía pode facer variar os resultados”.
No caso da comarca de Pontevedra estímase un 65% de ocupación hoteleira durante a Semana Santa, e pechará o mes cunha elevada porcentaxe de ocupación debido a celebración dos mundiais de tríatlon o ITU Multisport, que concentrará a máis de 4.000 deportistas.
No caso da comarca do Salnés prevese unha ocupación do 75%, con cidades como Vilagarcía rozando o 100%, tamén pola celebración de varios eventos deportivos.
Pola súa banda, a comarca do Morrazo superará o 54% de ocupación hoteleira, Caldas o 45%, Vigo o 60%, O Baixo Miño o 68%, O Condado e A Paradanta rozarán o 100% e as comarcas de Deza e Terra de Montes superarán o 50%, segundo as estimacións da Deputación.
En canto ao turismo rural, Carmela Silva informou que se agarda unha ocupación media en toda a provincia do 60%, superándose esta porcentaxe en comarcas como O Morrazo, Pontevedra, Vigo e Caldas.
3.000 NOVOS CONTRATOS
Carmela Silva tamén destacou que a provincia de Pontevedra liderará en Galicia a contratación de persoal durante a Semana Santa, xa que está prevista a incorporación nesas datas de máis de 3.000 persoas empregadas.
A presidenta provincial deu a coñecer outros datos relativos ao primeiro trimestre do ano e que son "moi similares á mesma tempada do 2018". Así, chegaron ás Rías Baixas entre xaneiro e marzo máis de 85.000 visitantes de España e máis de 18.000 do estranxeiro, o que se traduce en 165.000 pernoctacións de visitantes nacionais e 35.000 de persoas estranxeiras.
Neste primeiro trimestre o aeroporto de Peinador acumulou 230.000 viaxeiros, un 4,3% máis que o mesmo trimestre do 2018, igualando o mellor trimestre da década.
AXUDAS OFICINAS DE TURISMO
A presidenta provincial tamén informou da aprobación da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e por valor de 125.214,35 euros, para o financiamento do persoal para 18 oficinas de turismo dos concellos adheridos á Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas.
Coma novidade agora a Deputación achega os recursos pero son os concellos quen contratan directamente.
RUTA DAS MACEIRAS EN FLOR
A presidenta da Deputación tamén presentou a segunda edición da "Ruta das Maceiras en Flor” que se levará a cabo tres itinerarios no concello da Estrada entre a última fin de semana de abril e a primeira de maio.
O primeiro itinerario será o sábado 27 pola mañá e as persoas participantes visitarán a plantación de Callobre e as sidrerías Ribela e Torres de Moreda. Na segunda ruta, que se desenvolverá o 27 pola tarde, tamén se dará a coñecer a plantación se Callobre e farase unha visita ás sidrerías de Torres de Moreda e A Peroja. Por último, o terceiro itinerario levarase a cabo o sábado 4 de maio pola mañá e inclúe unha visita á plantación de Callobre e, tamén, as sidrerías de Torres de Moreda e Camino.
As rutas son gratuitas e precisa inscripción.
WEB DE TURISMO
A páxina de Turismo Rías Baixas estrea este xoves un deseño totalmente renovado na súa imaxe, contidos e servizos tecnolóxicos dirixidos ás persoas usuarias. A web conta agora con novas seccións un deseño claro e intuitivo, adaptado para a navegación en todos os dispositivos, e con especial coidado no tratamento da imaxe e do vídeo. O redeseño foi elaborado integramente por persoal da Deputación.