Un mozo de Bueu, detido por vender droga desde unha furgoneta alugada
Por Redacción
Unha operación conxunta da Garda Civil e a Policía Local de Bueu permitiu deter un mozo de 31 anos, veciño do municipio, que vendía droga desde unha furgoneta alugada coa que percorría varias rúas da localidade.
Os axentes incautáronlle un centenar de dose de heroína e cocaína e algo máis de 300 euros en efectivo.
A detención produciuse o pasado luns despois de que a Policía Local alertase á Garda Civil da presenza desta furgoneta na que, segundo este aviso, estaban a producirse manobras sospeitosas ao ser visitada por coñecidos consumidores de droga.
O operativo logrou localizar o vehículo na rúa José María Estévez.
Ao inspeccionar a furgoneta, que figuraba a nome dunha empresa de vehículos de aluguer sen condutor, atopáronse indicios de que no seu interior consumíronse substancias estupefacientes. Nun exhaustivo rexistro localizouse un oco cun cordel que suxeitaba unha bolsa de plástico con 70 dose de cocaína e 30 de heroína.
Ademais, á persoa que viaxaba como acompañante interviñéronselle tres bolsas de plástico con estupefacientes e 300 euros en efectivo e detivérono como suposto autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.
O detido, xunto cos estupefacientes incautados e o diñeiro intervido, foi posto a disposición do xulgado de instrución de garda de Marín, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.