O párkinson, unha pandemia que afecta a 3.000 persoas na provincia de Pontevedra
Por Olaya Madrigal
"En 2040 o párkinson será a enfermidade grave máis común. Coñecelo é o primeiro paso para combatelo". Este é o lema que proclama a campaña de sensibilización que a Asociación de Párkinson de Pontevedra, xunto á Federación Española de Párkinson (FEP) e as asociacións federadas, lanzará este xoves, Día Mundial do Párkinson.
Actuando a nivel nacional, co apoio de varias asociacións, a campaña pretende dar a coñecer a doenza e expoñer socialmente a súa prevalencia e repercusión no futuro. Actualmente hai máis de 7 millóns de afectados no mundo, dos cales 160.000 son españois e 3.000 viven na provincia de Pontevedra. Ademais, os últimos estudos realizados sinalan que é a enfermidade neurolóxica con maior índice de crecemento, estimando que en 2040 afectará a aproximadamente 12 millóns de persoas e se convertirá, practicamente, nunha pandemia.
As asociacións de párkinson queren resaltar a importancia de dar a coñecer a enfermidade como o primeiro paso na loita contra ela. En palabras de Alicia Campos, directora da FEP, "Moitos investigadores conclúen que, do mesmo xeito que con moitas outras enfermidades da historia que chegaron a ser erradicadas, é necesario un pacto social para a prevención e abordaxe do párkinson. Como anuncia a nosa campaña, estamos convencidos de que coñecer a enfermidade é o primeiro paso para combatela".
Neste contexto, a Asociación Párkinson da provincia de Pontevedra organiza este xoves, 11 de abril, ás 10:30 horas unha mesa informativa no Espazo Solidario do Hospital Provincial, que despois se trasladará a outros municipios, entre eles Vilagarcía, o día 13 no casino da Rúa Castelao.
As asociacións continuarán coas accións de sensibilización durante todo o mes, cubrindo preto de 60 puntos en España e reivindicando a necesidade dunha atención sanitaria e social de calidade para todas as persoas con párkinson, poñendo especial atención na promoción da investigación sobre a doenza para poder acadar unha cura.