Veciños de Almuiña están á espera do arranxo de varios postes eléctricos caídos hai tres meses
Por Redacción
Hai tres meses que a caída dunha árbore provocou en Salcedo o derrubamento de varios postes eléctricos ao rematar sobre o tendido eléctrico. O desprendemento deixou varios cables tirados polo chan, ao alcance dos transeúntes, nunhas condicións que, segundo reclaman, resultan perigosas.
Os veciños aseguran que lle deron o aviso ao Concello de Pontevedra, mais sen obter ningunha resposta.
Ademais, as chuvias da fin de semana anterior ocasionaron a rotura dun eucalipto sobre outra parte do tendido eléctrico. A este suceso acudiron policía e bombeiros. Segundo denuncian veciños do lugar, ao remate daquela intervención, o eucalipto, ao que cortaron, quedou tirado noutra leira, os cables a rentes do chan e un poste atado cunha corda a outra árbore para evitar que caia.
Ante esta situación de perigo solicitan unha actuación inmediata por parte dos servizos municipais.