Onde haxa un bo sofá, que se quiten os bancos para ver a ría
Por Redacción
O Monte Pituco é un balcón da ría, un lugar privilexiado para ver a Illa de Tambo e toda a paraxe natural da contorna. E para gozar do lugar, agora os visitantes contan cun sofá. A asociación Monte Pituco alerta da aparición deste sorprendente asento na arboreda en Marín. En lugar do tradicional banco para observar a ría, o sofá atópase neste enclave privilexiado, nunha das zonas de acceso ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
A asociación, aproveitando este curioso achado, reivindica medidas urxentes para a mellora do monte comunal. Os integrantes afirman que a arboreda presenta un aspecto descoidado a pesar de ser un punto de encontro de rutas de sendeirismo ou un lugar que se utiliza como merendero.
Denuncian o volume da vexetación por falta de mantemento e de limpeza, a ausencia dun valo perimetral que evite accidentes polo desnivel do terreo. Ademais, existe o perigo de desprendemento de ramas de árbores danadas polos temporais, danos nos bancos de pedra provocados por actos de vandalismo e feísmo polos chafarices de auga, elaborados de formigón e sen billas.
Alertan, ademais, dunha vertedura de terra que se realizou recentemente nun extremo do recinto e que presenta restos de plásticos e outros residuos.
Desde a asociación insisten en reclamar servizos que son necesarios para a mellora deste espazo natural.