
© Down Pontevedra "Xuntos"
Xiana logra a inserción laboral como axudante de produción en Matriuska

Por Redacción
A metodoloxía de emprego con apoio está a erixirse como unha estupenda fórmula de inserción laboral para aqueles colectivos con máis dificultades á hora de atopar un traballo. Un claro exemplo é a recente contratación de Xiana Moreira, usuaria do programa de Emprego con Apoio de Down Pontevedra "Xuntos", nunha empresa pontevedresa do sector audiovisual.
Matriuska Producciones atópase inmersa na rodaxe das películas documentais "A media voz" e "Qué hicimos mal" e, tendo en conta o alto volume de traballo existente, a produtora decidiu contar con Xiana para levar a cabo as tarefas de axudante de produción.
Así, a principios deste mes, Xiana asinou un contrato a xornada parcial por obra e servizo para dar soporte na gravación dos dous documentais nos meses de abril e maio. Nesta ocasión, acudirá todos os luns e mércores á oficina que Matriuska Producciones ten na cidade pontevedresa, e as súas funcións centraranse en dar apoio ao resto do equipo de produción.
Esta é xa a segunda ocasión na que esta moza forma parte do equipo de traballo de Matriuska Producciones, xa que, trala sinatura dun convenio de colaboración entre a produtora e Down Pontevedra "Xuntos" o pasado ano, realizou unhas prácticas formativas na produtora nese mesmo posto.
Xiana acolleu o seu contrato de traballo con motivación e responsabilidade e di estar "encantada con esta oportunidade laboral". Agora acude ao seu novo posto de traballo contando co apoio da súa preparadora laboral, quen asegura que a inserción laboral na empresa se desenvolva con éxito.
Desde o ano 2002, as entidades Down en Galicia desenvolven o programa Emprego con Apoio, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais atopan á hora de intentar acceder ao mercado laboral ordinario.
Este modelo baséase nun sistema estruturado de apoios e acompañamentos para guiar ás persoas demandantes de emprego a través de todo o proceso de inserción socio-laboral e asegurar a súa correcta incorporación ao posto de traballo. Deste xeito, as persoas que se incorporan a un posto, contan co apoio dun preparador ou preparadora laboral que se encarga de levar a cabo unha formación específica no propio posto de traballo, para que o traballador poida ir adquirindo progresivamente unha adecuada execución das tarefas. O apoio tamén se centra na potenciación da interacción social cos compañeiros de traballo e na mediación na relación con eles para que se desenvolva de xeito positivo e natural.
Relacionadas:
-
As salas comerciais de Pontevedra proxectan o premiado documental 'A media voz' de Matriuska Producciones
Por Redacción |
-
RADIO.- Xiana e Miguel traballan, estudan, socializan e motivan aos demais na súa contorna
Por Marisa Ciordia |
-
A música une a universitarios e usuarios de Xuntos Down nunha experiencia de aprendizaxe
Por Redacción |
-
Cada día máis empresas pontevedresas apostan pola inclusión laboral
Por Redacción |
-
Todas as persoas da bolsa de emprego de Xuntos están a traballar ou facendo prácticas
Por Oskar Viéitez |