A bandeira do pobo xitano pendura do balcón do Concello
Por Oskar Viéitez
A bandeira azul-verde coa roda de carro que desde 1971 representa ao pobo xitano pendura este luns no balcón do Concello, "amosando o compromiso de Pontevedra coa diversidade, a igualdade, a integración e a inclusión social", di o goberno local
Este 8 de abril celébrase o Día Internacional do Pobo Xitano e nesta ocasión ponse enriba da mesa unha tripla reivindicación: avances sociais, recoñecemento e participación.
Nun manifesto difundido con tal ocasión a Fundación do Secretariado Xitano fai unha referencia explícita ao 40 aniversario que acaba de celebrar a Constitución Española para lembrar que a Carta Magna "supuxo o recoñecemento formal da plena cidadanía dos xitanos".
No texto destacan que, catro décadas despois avanzouse "moito" en cuestións como a inserción laboral, as súas condicións de vida son mellores, a escolarización dos nenos "é unha realidade", hai máis novos xitanos que superan a educación obrigatoria e promocionan cara á Secundaria, o Bacharelato ou os estudos superiores, o mercado laboral "vaise abrindo, aínda que sexa lentamente", o chabolismo é "residual", apuntan.
"Así todo, a brecha de desigualdade persiste. A comunidade xitana está sobrerrepresentada nos índices de pobreza e exclusión social; as taxas de fracaso e abandono escolar son moito máis altas entre o alumnado xitano que na media española; a taxa de desemprego da poboación xitana e o nivel de precariedade no emprego están moi por encima das porcentaxes medias, por poñer só algúns exemplos. En definitiva, a igualdade de oportunidades non é unha realidade para unha boa parte da comunidade xitana", reza o manifesto.