Os socialistas presentan unha "folla de ruta" con 110 medidas base para os programas electorais municipais
Por Oskar Viéitez
O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE de Pontevedra, David Regades presentou este luns os decálogos elaborados nas Mesas Sectoriais que tiveron lugar por toda a provincia, e que servirán de base para os programas electorais municipais.
Trátase dun conxunto de "110 claves" concibidas como unha "folla de ruta" para "construír unha provincia, máis forte, máis igualitaria e máis socialista".
Para a elaboración destes decálogos celebráronse ao longo das últimas semanas unha serie de mesas sectoriais, nas que cargos públicos socialistas expuxeron a súa experiencia "elaborando políticas públicas de éxito" que poidan ser trasladadas a outros concellos, ao mesmo tempo que se recolleron novas propostas para o próximo mandato.
As dez craves dirixidas a "promover a transparencia e o bo goberno" contemplan a creación dun portal de transparencia, a implantación da "Iniciativa Cidadá Local", a xeneralización da consulta cidadá directa, a rendición de contas en asemblea ao final de cada ano, facilitar o coñecemento dos proxectos urbanísticos, visitas periódicas ao rural, a xestión racional dos recursos, a alfabetización tecnolóxica, o inventario de bens e o establecemento dun sistema de recollida permanente da opinión da cidadanía.
O decálogo correspondente á "loita contra o despoboamento" inclúe a mellora dos servizos socio comunitarios, o deseño dunha rede de servizos que favorezan a comunicación entre as persoas, políticas de conciliación e apoio á natalidade, medidas de discriminación legal positiva para xerar emprego, fomento das novas tecnoloxías, apoio ao emprendemento empresarial e ao sector primario e de servizos, bonificacións no IBI, campañas de mellora do censo municipal e a captación de fondos europeos.
Tamén hai outras dez craves para "promover a igualdade" como incorporar a perspectiva de xénero en todas as políticas, visibilizacion histórica, impulso ao emprego e aos Centros de Información á Muller, garantir cidades seguras, educación en igualdade, crear un observatorio de igualdade de trato, impulsar plans de igualdade, apoio á transversalidade e formación de igualdade.
David Regades tamén leu as medidas propostas nas mesas sectoriais para "promover a cohesión social", que incluirían a mellora dos servizos municipais, estender a oferta de servizos "vivas onde vivas", así como outras políticas referidas aos desafiuzamentos, a dependencia, envellecemento activo, pobreza cero, saúde, emprego digno e mocidade.
Complétase esta "folla de ruta" con medidas para promover o emprego e a industria, o urbanismo sustentable, "un medio rural de futuro", o deporte municipal, o turismo sustentable, a cultura municipal, o medio ambiente e, finalmente, o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable ( ODS) das Nacións Unidas.