'O mar das mulleres', un proxecto educativo que relaciona o liderado feminino co uso sustentable dos océanos
Por Redacción
'O mar das mulleres' é unha das iniciativas que se enmarca no proxecto 'Mar en Feminino', que lidera a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Pontevedra e que se desenvolve a través da páxina web marenfeminino.campusdomar.gal
Trátase de contidos educativos para os centros de ensino nos qu se mostra a relación da muller co mar e coa conservación dos océanos a través dun uso sustentable dos recursos mariños. O personaxe de Emma invita a percorrer os diferentes elementos que se encontran relacionados co mundo mariño analizando os océanos, os perigos do sistema mariño, a actividade das redeiras, o marisqueo a pé, as investigadoras do mar e a educación para a sustentabilidade.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a profesora universitaria María Álvarez Lires presentaron este proxecto de recursos educativos que inclúen propostas de actividade para poder traballar nos centros educativos.
Estas infografías de 'O mar das mulleres' serán protagonistas da 'V Xornada sobre bo uso e mal uso do mar', que se celebrará o vindeiro xoves 11 de abril na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra.
Nesta xornada participará a oceanógrafa do Instituto Español de Oceanografía Ana Morillas, que explicará o proxecto 'Oceánicas', en que se estuda o labor das mulleres que investigaron sobre os océanos.