Pontón pide un "apoio reforzado" ao BNG para que Abraldes "siga mellorando a vida da veciñanza de Barro"
Por Redacción
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou o cambio iniciado hai catro anos no Concello de Barro despois de que a veciñanza apostase polo proxecto nacionalista da man do actual alcalde e candidato á reelección, Xosé Manuel Abraldes, "dándolle a volta a un municipio que languidecía e lastrado por unha situación financeira calamitosa".
"Co cambio demostramos que podíamos construír un Barro diferente, deixar atrás un concello que esmorecía, cunha débeda disparada, no que o anterior rexedor pensaba que a veciñanza estaba para servilo a el e non ao revés. Nestes catro anos puxemos en marcha unha transformación que aposta por un concello aberto, dinámico, no que o máis importante é que as veciñas e os veciños teñan mellores condicións de vida", salientou a líder do BNG ante as máis de 350 persoas que acudiron á presentación da candidatura ás eleccións do 26M.
De cara á cita coas urnas, Pontón pediu un "apoio reforzado" para que Abraldes "continúe con máis forza o proxecto transformador que xa fixo de Barro un concello distinto e mellor".
Pola súa parte, o actual alcalde e candidato salientou que a equipa de goberno que lidera "rachou coa vella forma de facer política do PP" ao tempo que destacou algunhas das medidas e actuacións levadas a cabo neste mandado.
"Xestionamos os recursos públicos dunha maneira eficiente", dixo Abraldes
Entre elas, o significativo saneamento das arcas municipais pasando dunha débeda de 1,2 millóns de euros a 500.000, "o que non impediu ao executivo local realizar importes investimentos", e citou as obras de saneamento, actuacións de fomento da compostaxe ou a adquisición dos terreos para a depuradora. "Xestionamos os recursos públicos dunha maneira eficiente, rebaixando case un 60% a débeda e ao mesmo tempo investimos case dous millóns de euros en obras para mellorar a vida da xente", resumía Abraldes.
"O caciquismo de tempos pasados quedou atrás e hoxe Barro é un referente en canto a dinamismo e participación veciñal, mediante a realización de asembleas parroquiais e a colaboración coas distintas entidades do municipio. O respecto polos veciños, o trato igualitario, a transparencia marcaron as liñas de goberno", salientou Xosé Manuel Fernández Abraldes.
O candidato do Bloque dixo que "temos que seguir mellorando os servizos atrasados pola ineficacia de 30 anos do PP" e tamén avanzar en saneamento, auga pública, seguridade viaria, os accesos aos núcleos e máis equipamentos para a veciñanza. "Son os obxectivos que nos marcamos de aquí a catro anos no vindeiro mandato", explicou.
En definitiva, "seguir mellorando a vida da xente porque unha das cousas das que máis orgulloso me sinto é de que que os veciños e veciñas cada vez están máis contentas de vivir neste concello".