Cuntis muda a cara ao camiño de Trasponte
Por Redacción
O Concello de Cuntis vén de poñer en marcha a mellora do camiño rural de Trasponte. É un viario moi próximo ao centro urbano cuntiense e que nos últimos anos viu como a intensidade do tráfico non deixaba de crecer danando aínda máis un firme que xa estaba bastante deteriorado.
As obras, financiadas polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, comezaron esta semana e está previsto que se culminen no prazo dun mes. "É un camiño que está moi preto do centro de Cuntis e o asfalto está bastante esnaquizado. Ademais era unha demanda veciñal e estamos moi satisfeitos de poder darlle resposta", declarou o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, tras visitar o lugar coa concelleira Conchy Campos.
Coa mellora do pavimento deste viario non só eliminaranse as fochancas, tamén se mellorará a imaxe dunha estrada á que se accede desde a rúa Bernardo Sagasta. No Concello foxen do habitual aglomerado en quente e apostan por un pavimento de formigón. "Ao estar tan próximo ao núcleo, o formigón dalle máis encanto e é menos agresivo", explica o rexedor.
Os traballos servirán tamén para substituír a canalización do abastecemento de auga cuxa antigüidade xeraba roturas e avarías de forma habitual. A iluminación pública e as arquetas, para previr a formación de balsas de auga e inundacións, tamén se verán melloradas.
A realización destas obras aproveitaranas tamén os residentes nesta rúa para mellorar os servizos e os accesos aos seus fogares. "Os veciños tamén están a colaborar, era unha obra moi demandada", subliña Campos.
Este proxecto pode levar a cabo grazas ao Plan Concellos da Deputación. Un programa destinado a prestar apoio aos municipios de menos de 50.000 habitantes en materia de mantemento dos servizos e infraestruturas municipais, actos culturais ou fomento do emprego.