Numerosas empresas compiten polas reformas de dúas estradas en Sanxenxo e Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
Un total de nove empresas presentan as súas ofertas para suprimir un treito de concentración de accidentes na estrada PO-308, entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, en Sanxenxo. E quince empresas presentaron ofertas para a mellora da estrada entre Ponte Caldelas e Laxoso.
En canto á actuación de Sanxenxo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dispón dun orzamento de 530.000 euros e está enmarcada na estratexia para ter eliminados en 2020 todos estes tramos nas vías de titularidade autonómica.
Entre as intervencións previstas neste tramo da vía destaca a construción dunha glorieta na intersección coa estrada provincial á praia de Areas. Na zona da curva dos Cotos renovarase o firme e reforzaranse a sinalización, o balizamento e os sistemas de contención. Ampliarase a estrada para acondicionar as paradas de autobús co fin de que estes vehículos non interfiran no tráfico cando se deteñen.
PONTE CALDELAS-LAXOSO
No caso de Ponte Caldelas, as empresas interesadas na realización desta actuación disporán dun prazo de oito meses para a realización dos traballos.
O proxecto prevé a actuación no tramo de 2,16 quilómetros máis próximo á cidade de Pontevedra, desde o final da travesía de Ponte Caldelas ata a entrada da travesía de Laxoso.
Esta actuación define a ampliación da calzada ata acadar un ancho de 7 metros , así como rectificacións de trazado . A nova intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobildade correspóndese coa segunda fase da reforma desta vía de titularidade da Xunta, que xa foi acondicionada entre Aguasantas e Portasouto no termo municipal de Cerdedo-Cotobade. Ten un orzamento de preto de 650.000 euros.