As pingas de Deus
Por Oskar Viéitez
Dous irmáns percorren o mundo para atopar os 12 mellores viños que o seu defunto pai deixara no testamento. Cada un é chamado un "apóstolo".
Así se resume Ekami no Shizuku ou As pingas de Deus o manga que desde a súa creación en 2004 é unha lectura de culto, imprescindible na biblioteca dos geeks do viño en Asia.
O famoso cómic xaponés que vende millóns de exemplares, foi asociado a un aumento do 30% nas vendas de viños en Xapón.
Calquera viño que sexa mencionado na obra ten garantido un aumento das súas vendas. Se especula con que o undécimo apóstolo será un viño español un Rías Baixas?
Si os viticultores pontevedreses queren vender albariño en Xapón, terán que coñecer a mentalidade dos seus futuros clientes. En resumo, esa é a mensaxe que lles trasladou Chieko Konagaya, a analista de mercado de produtos Agroalimentarios da Ofecomes de Tokio, no seminario "O Mercado do Viño de Xapón" no que participaron quince profesionais das diferentes adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Como dato a ter en conta, Chieko Konagaya comentou que "o pasado mes de xullo, os viños de España en Xapón conseguiron un 14% de mercado, o maior alcanzado na historia". Neste sentido, a analista xaponesa adiantou que "o ritmo de importación de 2012 vai moi ben, -xa que logo espérase- rexistrar un novo récord dos viños españois no mercado nipón".
Ademais "non podemos esquecer que a comida xaponesa marida perfectamente co viño branco, e non co tinto", destacou a analista xaponesa.
En 2011, vintesete adegas da denominación de orixe Rías Baixas exportaron a Xapón 45.450 litros, o que supuxo un incremento superior ao 15% con respecto ao exercicio anterior.