Un falecido e tres feridos nun accidente entre un coche e un camión en Vilaboa
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un mozo faleceu e outros tres resultaron feridos nun accidente de tráfico rexistrado ao mediodía deste venres en Vilaboa. A vítima mortal foi un mozo de 22 anos que, tras ser atendido xa no lugar do sinistro, foi trasladado en estado crítico ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e finalmente certificouse a súa defunción.
O sinistro produciuse sobre as 13.45 horas na estrada N-554 ao seu paso pola parroquia de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa. Tras ter coñecemento do accidente por unha persoa particular, o 112 mobilizou a medios sanitarios e de emerxencias ata o lugar.
Segundo informou Protección Civil de Vilaboa, no accidente víronse implicados un coche e un camión. O turismo circulaba en dirección Pontevedra e o camión cara a Vigo cando, á altura do bar Chancho, ao camión fóiselle o remolque e impactou contra o turismo.
No interior circulaban catro persoas e dúas delas quedaron atrapadas. Trátase de catro novos da zona de Vigo que se dirixían a Santiago, onde estudan.
Nun primeiro momento, Urxencias Sanitarias de Galicia 061 alertou ao helicóptero medicalizado, pero finalmente anulouse e non foi mobilizado. Si se desprazaron ata o punto varias ambulancias, que prestaron unha primeira asistencia no propia lugar do accidente a catro persoas. O 061 confirmou que os catro resultaron feridos.
Esas dúas persoas quedaran atrapadas no interior do turismo, de modo que se mobilizou aos Bombeiros do Morrazo para que procedesen á súa excarceración. Unha vez liberados, unha das dúas persoas foi trasladada en estado moi grave ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Segundo confirmaron fontes de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, finalmente falleceu.
Ata o lugar tamén se desprazaron a Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Vilaboa e o servizo de mantemento de Estradas.