Contacontos para previr a violencia de xénero
Por Redacción
Do 8 ata o 11 de abril no CEIP Amor Ruibal do Concello de Barro desenvolverase un proxecto de sensibilización e prevención da violencia de xénero que consistirá na realización de cinco contacontos ilustrados por parte do colectivo Polo Correo do Vento.
Nestas actividades, contarán e ilustrarán as biografías de cinco mulleres destacadas en diferentes campos: Ángeles Alvariño, Maruja Mallo, María Victoria Moreno, Ernestina Otero e Ángela Ruiz.
Estas biografías foron escollidas entre os títulos da colección "Mulleres Galegas", publicadas por Lela Edicións e teñen coma obxectivo principal a sensibilización e prevención da violencia de xénero a partir da presentación das vidas destas cinco mulleres. Ademais, preténdese achegar ao alumnado do CEIP Amor Ruibal o fomento da igualdade entre homes e mulleres.
Cada actividade dos Contos Ilustrados terá unha duración entre 50 e 60 minutos, nos que se desenvolverá unha temática didáctica dun xeito lúdico. O alumnado vai interaccionar co conto e co debuxo a través dunha "rolda de prensa" guiada polos autores. Como remate, haberá un obradoiro de ilustración, no que todos xuntos, coas directrices de Carlos Taboada, debuxarán cada un unha personaxe do conto e finalizarase dándolle cor ao mural inicial.