Falece un veciño de Meis de 18 anos nun accidente de tráfico en Caldas
Por Natalia Puga
Un mozo de 18 anos faleceu ao mediodía deste venres nun grave accidente de tráfico rexistrado na estrada N-640 en parroquia caldense de Godos, no límite entre Caldas de Reis, Vilanova e e Vilagarcía de Arousa.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 tivo coñecemento dun accidente por saída de vía dun vehículo sobre as 13.30 horas deste venres e posteriormente confirmou o falecemento do condutor do turismo.
O sinistro produciuse na coñecida como rotonda de San Simón cando o turismo sinistrado presuntamente circulaba desde Carril cara Baión. Por motivos que se descoñecen, saíuse da vía na rotonda, chocou cun muro e acabou despeñándose por un desnivel situado ao pé da rotonda.
O 112 desprazou ao lugar un amplo operativo de medios de emerxencias, entre eles, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros do Salnés, Urxencias Médicas de Galicia 061, agrupacións de Protección Civil de Caldas e Vilagarcía de Arousa, as policías locais de ambos os municipios e o GES de Valga.
A pesar dos esforzos realizados, os servizos sanitarios non puideron facer nada para salvar a vida ao mozo condutor, veciño do municipio de Meis.