A Garda Civil intervén 2.250 doses de droga nun operativo contra o trapicheo en Caldas e O Salnés
Por Redacción
Un operativo de seguridade despregado pola Garda Civil durante a pasada fin de semana en distintas localidades das comarcas do Salnés e Caldas saldouse con cinco persoas detidas e a incautación de 2.250 doses de estupefacientes.
A primeira intervención levouse a cabo o xoves 28 de marzo na localidade de Vilanova de Arousa. No transcurso dun punto de verificación de vehículos, a patrulla rural da compañía da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa procedeu á detención dun veciño de Catoira de 41 anos que levaba oculto no interior do vehículo 110 doses de heroína, 40 de speed e 1.400 euros en efectivo.
Ao día seguinte, detívose en Caleiro, tamén en Vilanova de Arousa, a un menor de idade cando levaba 50 gramos de haxix ocultos entre a súa roupa. Trátase dun veciño de Vilagarcía de Arousa de 16 anos.
Xa esta semana, o martes día 2 de abril, a Garda Civil detivo en Caldas de Reis un veciño de Lugo de 35 anos cando circulaba nun vehículo. No interior levaban 1.600 doses de cocaína.
Ese mesmo día, tamén foron detidos en Caldas de Reis os dous ocupantes doutro vehículo no que levaban 500 doses de cocaína. Trátase de dous veciños de Ames, un home de 27 e unha muller de 28.
Tanto os detidos como as drogas e os vehículos intervidos foron postos a disposición dos xulgados de garda de Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis e da Fiscalía de Menores.
Con estas actuacións, que forman parte do plan preventivo que ten establecido a Garda Civil na provincia de Pontevedra para erradicar a venda e distribución de drogas a pequena escala, a Garda Civil conseguiu impedir que algo máis de 2.000 doses de distintas drogas chegasen aos consumidores en zonas de lecer e diversión.