Detido un marinense por acosar co seu coche á súa ex parella
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Autonómica detiveron a un varón no concello pontevedrés de Marín por presunto delito de violencia de xénero á súa ex-parella.
Este xoves 4 de abril membros do grupo de prevención, asistencia e protección ás vítimas de violencia de xénero de Pontevedra, procederon á detención dun varón polo incumprimento da orde de afastamento.
Os axentes tiveron coñecemento que na localidade se estaba a producir unha situación de acoso dun varón cara a súa ex muller, realizando varias manobras perigosas co vehículo no que se desprazaba, chegando a vítima a temer pola súa vida. Igualmente son informados de que a muller tiña unha orde de protección en vigor decretada polo xulgado de instrución número 1 desa mesma localidade.
Os axentes localizan o vehículo en Marín, procedendo á detención do individuo, sendo trasladado á comisaría para a instrución das oportunas dilixencias. Ante a situación de risco e condución temeraria que o detido causara á súa ex muller, foi sometido a un test de drogas e alcol, dando positivo no primeiro deles. Unha vez finalizada a instrución do atestado, remitiuse ao xulgado de garda de Marín.
Actualmente a unidade da Policía Autonómica ten asignada a protección dun total de 271 mulleres, vítimas de violencia de xénero.