Chaín recupera o sábado o seu 'Serán'
Por Redacción
O pobo de Chaín, en Ponte Caldelas, recupera unha tradición que o ano pasado viuse interrompida polo falecemento de dúas veciñas, o seu Serán, que acumula xa máis de 20 máis de historia.
Unha representación das Pandereteiras de Chaín presentou este xoves esta actividade en compañía do alcalde, Andrés Díaz, quen aproveitou para subliñar o apoio do goberno municipal a este tipo de convocatorias populares.
A cita é a partir das 21.30 horas na explanada da Casa do Pobo de Chaín e polo escenario irán pasando uns 30 grupos chegados dende diversos lugares de Galicia. Cada un deles interpretará tres pezas e a noite prolongarase ata que o corpo aguante.
O Concello colabora coa instalación dunha carpa e, para que non falte de nada, a veciñanza preparará callos "a fartar". Os organizadores teñen preparados 30 quilos de garavanzos que, co resto dos ingredientes, serán suficientes para encher varias potas. Xa avanzada a madrugada servirase chocolate quente.
No evento das Pandereteiras de Chaín colaboran tamén a asociación cultural Recreativa Santa Teresa, a asociación cultural O Carballo e a comunidade de montes de Chaín.