Un ano de prisión para un home por moder a unha moza no cu
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a un ano de prisión como autor dun delito de abuso sexual a un home por morder no cu a unha moza.
Ademais da pena de cárcere, a sentenza, que non é firme, impón ao acusado dous anos de liberdade vixiada e a prohibición de achegarse a menos de douscentos metros da vítima ou comunicarse con ela por calquera medio por idéntico período de tempo.
Os feitos xulgados tiveron lugar sobre as tres da madrugada do 27 de maio do 2018 na rúa Charino de Pontevedra. A sentenza declara probado que o acusado, natural de Senegal e con permiso de residencia temporal en España, "mordeu lixeiramente unha nádega" a esta moza "a quen con anterioridade realizara actos similares".
O acusado alegou na súa defensa que aquela madrugada tentaba pasar entre a xente cando, pola aglomeración de xente que había, "puido tropezar coa moza de forma involuntaria e sen ningún tipo de ánimo libidinoso".
A vítima ao sentir a dentada virouse e "viu dobrado á altura do seu traseiro ao acusado" recriminándolle a súa acción e arroxándolle o líquido do vaso que levaba na man. A sentenza relata que o acusado "non se marcha inicialmente do lugar senón que colle unha botella de cristal que rompeu coa que ameazou á testemuña, avanzando e retrocedendo ata que se introduciu nun portal e detívoo a policía".