A Garda Civil desarticula un grupo criminal dedicado ao roubo de vivendas que se cebou nos últimos meses con Caldas
Por Redacción
A Garda Civil deu por desmantelado un grupo criminal organizado dedicado, principalmente, ao roubo en vivendas das provincias de Pontevedra e Lugo e detivo sete persoas, das que catro son veciños de Portas, Caldas de Reis e Campo Lameiro.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, a operación, que se bautizou como 'Espá', permitiu esclarecer preto dun centenar de roubos cometidos desde o pasado ano no norte da provincia de Pontevedra e algún deles en Lugo. A zona máis afectada pola actividade deste grupo foron os municipios da comarca de Umia, onde levaron a cabo a maior parte dos feitos delituosos, especialmente no termo municipal de Caldas de Reis.
Ademais, esclareceuse un importante número de roubos en localidades das comarcas de Pontevedra (Barro e Campo Lameiro), O Salnés (Meis), Deza (Lalín, A Golada, Dozón e Silleda) e Tabeirós-Terra de Montes (A Estrada e Forcarei).
A investigación continúa aberta para pescudar a identidade dos propietarios dalgúns obxectos intervidos cuxa procedencia se descoñece, co cal poderían incrementarse sensiblemente a cantidade de feitos delituosos esclarecidos.
As investigacións iniciáronse a principios deste ano ante a proliferación dos delitos contra o patrimonio que viñan producindo, fundamentalmente nas comarcas pontevedresas de Deza e Tabeiros-Terra de Montes. Froito dun complexo dispositivo de investigación, pescudaron que había un grupo de persoas asentado na localidade da Estrada ao que, en principio, púidoselle vincular con varios roubos que se cometeron no mes de decembro do ano pasado nun hotel de Lugo.
Os supostos ladróns son grupo de mozos moi activo, composto por seis homes e unha muller, en idades comprendidas entre os 18 e os 33 anos, que se especializou en roubos con forza en casas habitadas, galpóns e anexos das vivendas, de onde levaban diñeiro en metálico, vehículos, ferramentas, electrodomésticos e obxectos de decoración. Outra das súas modalidades delituosas era a subtracción de fío de cobre do tendido telefónico.
Os efectos subtraídos publicitábanos na internet e vendíanllos tamén a persoas próximas ás súas contornas coa finalidade de conseguir diñeiro fácil para gastar, normalmente, en drogas e alcol.
Os sete detidos están acusados dos delitos de roubo con violencia, roubo con forza, furto, extorsión, ameazas e grupo criminal. Tras a súa detención, realizáronse rexistros en cinco domicilios de Padrón, Campo Lameiro, Caldas de Reis e Portas.
Nos rexistros incautáronse gran cantidade de obxectos posiblemente subtraídos, entre eles: tres quads, unha motocicleta, rozadoras, televisións, ferramentas, etc., que determinan a presunta implicación dos detidos nuns 80 delitos de roubo e furto. Nun dos rexistros se aprehendieron dous envoltorios con algo máis de 20 gramos de cocaína e preto de 30 gramos de haxix.