Portos de Galicia informa ao alcalde de Bueu das próximas actuacións na praia de Pescadoira
Por Redacción
O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, mantivo este martes un encontro de traballo co alcalde de Bueu, Félix Juncal, no que analizaron distintos asuntos relacionados coa actividade portuaria do concello.
O responsable do organismo dependente da Consellería do Mar informou ao rexedor de que o proxecto do novo dique para a praia de Pescadoira será sometido proximamente a avaliación ambiental simplificada, de acordo coa tramitación establecida polo Executivo galego. En canto ao paseo de Pescadoira, José Juan Durán trasladoulle ao alcalde que os traballos de mantemento xa previstos comezarán nas próximas datas.
Outro asunto analizado no encontro foi a petición do Goberno local de Bueu para a desafectación e reversión ao concello de espazos portuarios de titularidade autonómica que non teñen uso portuario efectivo. Sobre esta demanda, o presidente de Portos de Galicia apuntou que xa hai creado un grupo de traballo a este efecto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que é o encargado de tramitar todas as peticións dos concellos. Polo tanto, a solicitude de Bueu, remarcou o presidente de ente público galego, deberá resolverse neste marco e non nunha negociación bilateral.
En canto á solicitude municipal de construción dunha rampla na zona da praia de Pescadoira contigua á nave de piragüismo, José Juan Durán indicoulle ao rexedor que ese espazo está fóra do dominio portuario, polo que é un asunto no que Portos de Galicia non ten competencias. Sen embargo, o presidente do ente público trasladou o seu compromiso de estudar calquera proposta que faga o concello nese sentido.