Portonovo acolle este domingo un encontro de palilleiras
Por Redacción
O XII Encontro Internacional de Palilleiras, organizado pola Asociación de Mulleres Rurais Santa Catalina de Portonovo e con colaboración da agrupación As Bolboretas, terá lugar este domingo 7 de abril durante todo o día.
Este encontro xurdiu no ano 2007, como unha actividade incluída dentro da programación da Festa da Raia, pero o evento consolidouse co paso dos anos tendo data propia no mes de abril debido ao éxito das primeiras edicións.
"Cando vimos a boa acollida que tivo, decidimos que queriamos facelo durante todo o día. É unha forma de promocionar o noso pobo e dar a coñecer a nosa artesanía", sinalan desde a organización.
A carpa instalarase na zona portuaria da vila e desde a organización decorarana cunha exposición de traballos realizados, non só polas propias palilleiras de Portonovo, senón de toda a provincia. Xogos de cama, roupa de bebé, complementos como pulseiras ou aneis son algúns dos artigos que estarán expostos como mostra de todo o que se pode facer con palillos.
A carpa abrirá as súas portas ás dez da mañá coa recepción das encaixeiras. Desde as 14 ata as 16 horas farase un descanso para comer. O evento renovarase ás catro da tarde e continuará ata as 19.00 horas cunha entrega de premios.