Deteñen en Poio dous experimentados carteiristas que chegaran de Madrid en coche de aluguer
Por Redacción
Cun vehículo de aluguer, sen permiso de conducir e con documentación falsa. Así interceptou a Garda Civil unha parella de experimentados carteiristas, chegados desde Madrid, que foron avistados en Poio.
Trátase dun home de 40 anos, de nacionalidade polaca, e unha moza española de 36 anos, que viaxaban xuntos nun vehículo que alugaran na capital española. Ambos teñen un amplo historial delituoso, fundamentalmente por furtos de carteiras.
Segundo informou o instituto armado, o home foi interceptado por primeira vez a finais do pasado mes de marzo, cando viaxaba acompañado dunha moza, nun punto de verificación de vehículos establecido nas proximidades do Vao.
Nesa ocasión foi detido porque, ademais de que carecía do permiso de conducir, figuraba como reclamado pola comisaría de distrito da Policía de Madrid Centro por un delito de furto.
Apenas unha semana despois, o pasado domingo, unha patrulla de seguridade cidadá interceptou o mesmo vehículo nun control similar. Nesta ocasión o vehículo conducíao a moza, que tratou de identificarse co DNI doutra persoa.
Ao comprobar a súa identidade, os axentes comprobaron que carecía de permiso de conducir e, ademais de posuír un amplo historial delituoso por furtos de carteiras, tiña cinco reclamacións pendentes: dúas delas xudiciais por estafa e furto e tres de distintas comisarías de Policía de Madrid por estafa, furto e quebrantamento de condena.
Dentro do coche, a Garda Civil achou efectos supostamente roubados, entre eles dous computadores portátiles, documentos persoais, tarxetas de crédito, varios permisos de conducir e unha importante cantidade de billetes de moeda estranxeira: bolívar (Venezuela), guaraní (Paraguai), dinar (Kuwait), peso (Colombia) e dólar estadounidense.
A moza foi detida polas reclamacións xudiciais que tiña pendente e acusada, á vez, dun delito de usurpación de estado civil.
Xunto co diñeiro e os demais efectos intervidos, foi posta a disposición do xulgado de instrución de garda de Pontevedra, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.