Identifican un home por provocar un incendio en Cuntis e dous como sospeitosos doutro na Lama
Por Redacción
Axentes do Grupo de Incendios da Policía Autonómica, en colaboración con axentes forestais, lograron esclarecer os incendios rexistrados nos concellos pontevedreses de A Lama e Cuntis os días 21 e 24 de marzo, respectivamente, e identificar os supostos autores do lume.
No caso do incendio de Cuntis, tomaron declaración a un varón por un incendio ocorrido o 24 de marzo no lugar de Gontade, na parroquia de Piñeiro, no que arderon 3,54 hectáreas de superficie arborada.
Segundo a información facilitada pola Policía Autonómica, o incendio orixinouse cando o investigado realizaba unha queima de restos forestais sen adoptar as preceptivas medidas de seguridade. As dilixencias foron remitidas ao xulgado de garda de Caldas de Reis.
Na Lama, os axentes tomaron declaración a dous varóns pola súa suposta autoría dun lume forestal que tivo lugar o 21 de marzo na parroquia de San Bartolomeu da Xesta. Arderon 1,4 hectáreas de superficie arborada despois de que os investigados realizasen unha queima de maleza, sen o correspondente permiso e sen adoptar medidas de seguridade. As dilixencias foron remitidas ao xulgado de instrución de garda de Pontevedra.
Na actual campaña contra os incendios forestais do 2019, un total de 25 persoas foron investigadas pola Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á comunidade autónoma de Galicia como presuntas autoras de incendios forestais.